Médicos sen Fronteiras di que non pode establecer "a autoría do ataque" químico

Algúns meios, entre eles a Radio Galega, están a dicer que MSF acusa a Siria do ataque químico pretensamente producido o 21 de Agosto. A ONG, en troca, afirma que non pode estabelecer "a autoría do ataque".

Siria
photo_camera Siria

Un informe de MSF está a ser utilizado por diversos meios, entre eles a RG, para atribuír a Damasco a responsabilidade do ataque químico que, segundo diversas fontes, tería causado a morte a máis de 300 persoas.

Franza, Reino Unido e os EUA responsabilizan do ataque a Damasco. Siria, en troca, apunta ás forzas opositoras. Irán e Moscova respaldan esta posición do Goberno Assad. Algúns observadores internacionais consideran ilóxico que Damasco tivese utilizado este armamento tendo en conta que no país se atopaban nese momento unha misión de Nacións Unidas, autorizada por Assad, para verificar se realmente Siria dispón desa clase de armas tóxicas.

Médicos sen Fronteiras emitiu este sábado 24 de Agosto un comunicado dando conta de información que persoal médico sirio co que mantén relacións de colaboración lle ten subministrado a respeito do estado das vítimas do ataque químico.

Sobre a base desa información, a ONG informa de que miles de pacientes con síntomas neurotóxicos foron atendidos en hospitais sirios "apoiados por Médicos sen Fronteiras". MSF estima as vítimas mortais en 355.

O director xeral de MSF pide unha pesquisa a cargo de "investigadores independentes"

"O persoal médico destes hospitais forneceu información polo miúdo aos médicos de MSF sobre un grande número de pacientes que chegaban con síntomas como convulsións, exceso de salivación, pupilas contraídas, visión borrosa e dificuldades respiratorias", di Marta Cañas, subdirectora da ONG.

Cañas enfatiza que Médicos sen Fronteiras "non pode confirmar científicamente a causa destes síntomas nen estabelecer a autoría del ataque”. A subdirectora de MSF engade: “Porén, a información que recibimos verbo dos síntomas dos pacientes, alén do padrón epidemiolóxico dos feitos (a chegada masiva de pacientes nun período breve, a orixe dos doentes, ben como a contaminación sufrida polos médicos e traballadores de primeiros auxilios) apuntan claramente a unha exposición masiva a axentes neurotóxicos".

O director xeral de MSF, Joan Tubao, pide que "investigadores independientes" obteñan un "acceso imediato" á zona afectada para "deitar luz sobre o sucedido".

Comentarios