Médicos Sen Fronteiras acusa a empresa de EUA fornecedora de test para a Covid de encarecer o produto

Membros da Organización non gubernamental recordan que a Organización Mundial da Saúde asinou con outras entidades un protocolo para que o acceso aos productos de saúde e diagnose fronte o coronavirus fose equitativo e rápido en todos os países do mundo.
EuropaPress_3230901_11_july_2020_czech_republic_kolin_health_worker_wearing_protective_suit
photo_camera Unha doutora realiza o test a un posible doente (Foto: Josef Vostárek / CTK)

A ONG Médicos Sen Fronteiras (MSF) vén de acusar á empresa americana Cepheid, fabricante dalgúns dos tests que se están a usar para detectar a Covid-19, de aumentar os prezos aproveitando a demanda e cobrar catro veces máis do importe normal por cada proba. O colectivo sanitario critica duramente que se intente facer negocio cunha pandemia tan grave. 

"Cepheid cobra catro veces máis do que debería facer as probas, segundo a investigación de MSF", indica o comunicado que difundiu a propia organización. No seu escrito, Médicos sen fronteiras exixe á compañía  que "distribúa a súa proba do coronavirus (Xpert Xpress SARS-COV-2) dunha maneira equitativa e accesíbel" en todos os territorios do mundo. 

Neste sentido, a entidade incide en que Cepheid evite "beneficiarse da pandemia, baixando o prezo de cada proba a cinco dólares (4,2 euros), dos case 20 dólares (17 euros) que cobra nos países máis pobres do mundo. para asegurar un acceso moito máis amplo" á mesma.

Atendendo ás pesquisas que fixo a ONG, "as probas poderían venderse cun beneficio de cinco dólares cada unha". Non se pode renunciar a unha diagnose global urxente, polo que no escrito o coordinador médico da Campaña de acceso, Greg Elder, avisa de que os países deben ter "unha proba diagnóstica rápida e precisa, é esencial para o tratamento en tempo real das persoas infectadas". 

"Poderían salvarse tantas vidas se corporacións como Cepheid puxeran a súa proba a disposición de forma urxente e asequíbel en todos os países", engade o doutor. Polo momento, o prezo abeira os 20 euros en 145 países en vías de desenvolvemento. 

Custos reducidos

O colectivo é moi crítico coa actitude da compañía porque teñen datos do que lle supón a fabricación da proba da tuberculose e entenden que o prezo podería ser moito máis baixo, aínda gañando cinco dólares limpos por cada test. 

A asesora senior de VIH e TB, da Campaña de Acceso de MSF, Sharonann Lynch, subliña que precisan "ver a Cepheid tomar os pasos correctos e garantizar unha asignación xusta e unha subministración alcanzábel da súa proba Covid-19 para axudar os países que, doutra maneira, quedarían atrás". 

"É indefendíbel que a empresa saia beneficiada desta pandemia", resume Lynch. Foi en marzo de 2020 cando a compañía recibiu unha autorización de emerxencia da Administración de Drogas e Alimentos dos EUA. 

A Organización Mundial da Saúde (OMS) e varias entidades asociadas crearon en marzo o "Consorcio de Diagnóstico" para apoiar o acceso rápido e equitativo aos produtos de saúde e diagnose como o desta firma.  

Comentarios