Gerry Adams pasa esta sexta feira a disposición xudicial e McGuinnes ve unha man negra política

O arresto de Adams por un atentado do IRA perpetrado en 1972 pode abrir unha crise política de consecuencias imprevisíbeis nos 6 condados do norte de Eire. McGuinnes atribúe a acción contra Adams a unha estratexia política británica para danar as espectativas eleitorais do Sinn Féin.

mguiness adams
photo_camera mguiness adams

McGuinnes e o número 2 do Sinn Féin e é tamén o número 2 do goberno autónomo do Norte de Irlanda que os republicanos partillan cos unionistas británicos no Norte de Irlanda en virtude do Acordo de Belfast (Good Friday Agreement).

A interpretación que McGuinnes fai do arresto de Gerry Adams é a de que se trata dunha operación orquestrada pola Administración británica en Irlanda do Norte para danar as espectativas eleitorais do Sinn Féin, após se teren publicado inquéritos que colocan o partido republicano irlandés de esquerda como favorito para gañar as europeas non só no norte ocupado polo Reino Unido, senón no conxunto da República de Irlanda.

O dark side da policía norirlandesa

Adams permanece neste momento detido nos cuarteis xerais da policía nor-irlandesa, un corpo controlado por Londres, após esta quinta feira se ter presentado voluntariamente neles para declarar en relación cun atentado mortal perpetrado polo IRA en 1972.

Mc Guinnes dixo literalmente: "Vexo o seu arresto [o de Gerry Adams] como un deliberado intento de influír nos resultados das eleccións que se irán realizar dentro de tres semanas no norte e no sur de esta illa".

McGuinnes ve na policía británica no norte de Irlanda un "lado escuro" que é "hostil" ao proceso de paz

O dirixente do Sinn Féin está convicto de que existe dentro da policía norirlandesa un "lado escuro" que ten sido "maliciosa e vehementemente hostil" ao proceso de paz. Ese dark side sería o que tería conspirado para neste preciso momento desenterrar unha acción do IRA cometida en 1972 -a execución e enterro secreto de Jean McConville, unha pretensa confidente dos británicos- para comprometer as perspectivas eleitorais dos republicanos nas eleccións ao Parlamento europeu.

A disposición xudicial

Gerry Adams pasará esta sexta feira a disposición xudicial. O seu partido cualifica a situación de "indignante" e recrúa os seus ataques dialécticos a Londres. David Cameron, o primeiro ministro británico, rexeita eses ataques e alega que no seu país a xustiza é independente e non actúa ao servizo do poder político.

Comentarios