Significativo avanzo laborista, forte caída do SNP e resultado histórico do Sinn Fein

May procura un acordo cos unionistas norirlandeses para formar goberno

Información actualizada ás 12:25 horas. May quería ter as mans libres para negociar o Brexit, mais sae das urnas maniatada. O Partido Conservador cedeu a maioría absoluta gañada por Cameron en 2015. Corbyn pede a demisión da primeira ministra mais esta rexeitou dar ese paso. May vai propoñer a Isabel II a formación dun goberno, para o que procura un acordo co DUP, os unionistas norirlandeses.

Theresa May

Theresa May rexeita demitir polos mal resultados dos conservadores nas eleccións desta quinta feira e aposta en gobernar, procurando para iso o apoio dos 10 escanos obtidos polos unionistas norirlandeses (DUP). Unha aposta que non convence de todo no seu propio partido. George Osborne, que tivo responsabilidade de Finanzas no goberno de Cameron, expresa o seu malestar por ter que "depender dos caprichos de 10 deputados unionistas de Irlando do Norte". Porén, un acordo ou pacto do DUP é a baza que lle queda a May para intentar gobernar.

O Partido Conservador gañou as eleccións mais, desde logo, non co resultado que Theresa May agardaba obter cando convocou os comicios e nin sequera co resultado que apontaban sondaxes e enquisas. May perde a maioría absoluta e fica tocada mesmo para parte do seu partido, que non dubida en cualificar os resultados de moi malos. Os conservadores lograron 315 asentos, 12 menos dos que tiñan.

Na cara contraria, os Laboristas, que atinxiron 261 escanos (29 máis) e reforzan Corbyn, que nestas semanas de campaña protagonizou unha remontada que se ben as enquisas sinalaban non foron quen de recoller en toda a súa amplitude. 

O SNP ficaría en 35, 21 menos. E os Liberal demócratas, que obteñen un resultado moi meritorio, obterían 12, 4 máis.

A chave estaría, porén, no resultado do Partido Democrático do Ulster, que mellora os seus resultados e logran 10, e poderían ser a pata para soster o goberno de May.

O Sinn Fein obtén o seu mellor resultado de sempre, con 7 escanos, 3 máis que en 2015

Con todo, a primeira ministra sae das urnas enormemente debilitada. En termos políticos, o gañador das eleccións é Jeremy Corbyn, quen non só suma 29 escanos máis que os obtidos por Ed Miliband en 2015, senón que enterra tamén a súa imaxe de líder inelexíbel (imaxe forxada polos meios da direita, que argumentaban que un dirixente da ala esquerda do laborismo non podía aspirar a gobernar o país).

Os lib dem son os outros vencedores dos comicios. A súa campaña a prol dun novo referendo sobre a pertenza do Reino Unido -da que son partidarios- á UE acabou por incrementar os seus apoios. O partido dirixido agora por Tim Farron áchase máis perto nas propostas programáticas do Labour de Corbyn do que do Conservative Party de Theresa May.

Canto ás formacións soberanistas, o SNP mantense como a formación máis votada de Escocia, mais sofre un forte retroceso, até o ponto de o seu anterior líder, Alex Salmond, non conseguir reter o seu escano en Westminster. Quen si avanza é o Sinn Fein, que obtén o seu mellor resultado de sempre nas eleccións ao Parlamento británico. Consegue 7 asentos, tres máis que en 2015. O Plaid Cymru aumenta un e logra 4 asentos.

Información actualizada ás 9:50. 

Comentarios