May axita a bandeira antiinmigración

O discurso reaccionario que foi derrotado na segunda volta das eleccións presidenciais francesas apunta a triunfar, e por ampla marxe, nos comicios lexislativos do Reino Unido. O Partido Conservador, que defende restrinxir de maneira severa a inmigración, case duplica a intención de voto do Partido Laborista, aproximándose a un apoio popular do 50%. Escribimos sobre isto no Sermos Galiza 245. Eis un extracto.

may

Abandonar a UE, restrinxir a inmigración e fortalecer o Estado. As que foron ideas-forza da campaña de Marine Le Pen (Fronte Nacional) nas eleccións presidenciais en Francia cruzaron a canle da Mancha para se converteren no mantra do discurso de Theresa May. A actual primeira ministra e candidata conservadora nos comicios lexislativos do 8 de xuño iniciou a súa campaña axitando con forza as bandeiras antiinmigración e mais o Brexit para facer irreversíbel a ampla vitoria que prognostican as sondaxes. En grande medida a aposta torie é conquistar o espazo electoral que outrora hexemonizaba o xenófobo UKIP, que nos recentes comicios locais desapareceu do mapa político británico ao obter un só concelleiro das 4.851 actas que se escollían.

8“É importante que continuemos, e continuaremos, dicindo que queremos reducir a inmigración neta a niveis sostíbeis. Cremos que iso significa decenas de milleiros”, prometeu a pasada segunda feira Theresa May nun acto de campaña. Os plans do partido conservador anticipan unha política fortemente antimigratoria, toda vez o pasado ano 2016 foron 273 mil as e os estranxeiros que entraron no Reino Unido. Reducir esa magnitude a decenas de milleiros exixirá dunha blindaxe que May confía que lle ha de permitir o Brexit. Coa saída da UE, “teremos a oportunidade de garantir que temos o control das nosas fronteiras porque poderemos estabelecer as nosas regras para as persoas que veñen da Unión Europea”. Un clamoroso aviso a navegantes.

Comentarios