Corbyn apoia a convocatoria

May adianta as eleccións para o 8 de xuño co pretexto do Brexit

Segundo os inquéritos, os tories conseguirían unha fácil vitoria fronte a un Partido Laborista que está moi lonxe de estar cohesionado arredor da lideranza de Jeremy Corbyn.

General election
photo_camera May, no momento de realizar o anuncio.

Theresa May convocou os meios a Downing Street por sorpresa para realizar un anuncio de grande trascendencia política. As especulacións ían desde unha hipotética suspensión da autonomía de Irlanda do Norte até unha demisión por motivos de saúde. Nen unha cousa nen a outra: a líder torie antecipa tres anos as eleccións xerais -estaban axendadas para 2020- e faino co argumento de que o Reino Unido precisa de estabilidade para solventar o trámite do Brexit e que agora carece dela pola oposición de distintos partidos -o Laborista, mais tamén o SNP-  aos planos do goberno conservador sobre a forma en que se debe materializar a saída da UE.

O argumento non se ten moito de pé, tendo en conta que o Conservative Party xa ten maioría absoluta na Cámara (331 dos 650 asentos de Westminster, de acordo cos resultados das eleccións de maio de 2015).

May tiña, en principio, un problema. A convocatoria non depende dela -as leis británicas son distintas ás que vigoran no Estado español, a antecipación das eleccións non é competencia do executivo, senón do lexislativo. E precisaba unha maioría moi cualificada, de dous terzos. Dito doutro xeito, estaba en mans do Partido Laborista. O problema desapareceu aos poucos minutos de ter feito o anuncio desde Downing Street ao declarar o líder do Labour o seu apoio á convocatoria. Corbyn dixo que as eleccións darán ao pobo británcio "a oportunidade de votar por un goberno que poña por diante de todo os intereses da maioría".

Corbyn non cae, por tanto, na tentación de bloquear a convocatoria en Westminster -embora os inquéritos o coloquen 21 pontos por debaixo de May- entre outras razóns talvez porque está moi lonxe de controlar o seu grupo parlamentar (no seu día 80 por cento das e dos deputados laboristas votaron contra a súa continuidade como líder).

Mentres, o SNP en Escocia e o Sinn Féin en Irlanda do Norte teñen motivos para ollar con optimismo para a convocatoria.

Comentarios