Catalunya

Maxistrados do Constitucional eliminan un parágrafo favorábel a Jordi Sánchez

Tres maxistrados do Tribunal Constitucional situados no espazo denominado “progresista” eliminaron un parágrafo dun voto particular publicado a pasada semana onde expresaban a non conformidade co resto de compañeiras e compañeiros sobre a inadmisión dun recurso presentado por Jordi Sánchez, preso independentista, anterior líder da Asemblea Nacional Catalá e actual deputado (suspenso pola mesa do Congreso).

Jordi Sànchez
photo_camera Jordi Sànchez

O recurso de Sánchez ía dirixido contra unha sanción que se lle impuxo no cárcere madrileño de Soto del Real en febreiro de 2008 pola que foi privado de paseos e actos recreativos comúns durante un mes por gravar e difundir unha mensaxe antes das eleccións ao Parlament de Catalunya.

O tribunal inadmitiu o seu recurso por presentarse fóra de prazo. Esa sentenza de inadmisión fíxose pública a pasada semana e nela aparecía o voto discrepante dos tres maxistrados progresistas.

O voto particular dicía que a decisión da maioría de inadmitir o recurso de Sánchez por "extemporaneidade" adoptouse en contra da xurisprudencia do TC

O voto particular dicía expresamente que a decisión da maioría de inadmitir o recurso de Sánchez por "extemporaneidade" adoptouse en contra da xurisprudencia do propio Tribunal Constitucional "para evitar que este tribunal tivese que pronunciarse sobre o fondo dos dereitos fundamentais" invocados polo preso.

Subliñábase no voto particular que a conduta de Sánchez a 3 de decembro (día en que fixo pública a súa mensaxe electoral) non puido supoñer unha desobediencia a unha concreta orde xudicial que foi asinada 11 días após.

Os maxistrados argumentaron agora que procedían a suprimir o argumento 7 do voto particular

Os maxistrados argumentaron agora que procedían a suprimir o argumento 7 do voto particular porque "forma parte dun proxecto inicial que non respondía á vontade dos redactores do voto, nin a aquilo que foi obxecto da deliberación no pleno e que foi erroneamente asinado".

A defensa de Sánchez considera "insólita" a comunicación en que os tres maxistrados que asinaban o voto particular desestiman agora dela.

Comentarios