Masivo macroconcerto en Catalunya para exixir a liberdade dos presos políticos

O evento, organizado pola Assemblea Nacional Catalana, reuniu a moitos milleiros de persoas no Estadio Olímpico Lluis Companys, logo de vender 45 mil entradas. Os fondos recadados serán destinados á caixa de resistencia promovida polas entidades civís do soberanismo. [Vídeo no interior]

concerto
photo_camera Vista do concerto [Imaxe: Vilaweb]

A cor amarela e o chamamento a prol da liberdade dos presos políticos catalanes ateigan arestora o Estadio Olímpico Lluis Companys, en Barcelona. A Assemblea Nacional Catalana organiza un macroconcerto solidario, cuxa recadación será destinada integramente á caixa de resistencia que promove a propia ANC e mais Omnium Cultural. Ambas as entidades teñen os seus presidentes encarecerados pola súa participación no proceso independentista. A Caixa de Solidariedade xa sumou máis de catro millóns e medio de recadación voluntaria, coas que se enfrentan fianzas ou multas derivadas da ofensiva do Estado contra o soberanismo.

Corenta artistas desfilarán sobre o escenario nun macroconcerto que deu comezo pasadas as 16:20h desta tarde. Els Amics de les Arts, la Companyia Elèctrica Dharma, La Banda Impossible, Ramon Mirabet, Beth, entre outros, serán os encargados de encher con música comprometida as tres horas previstas de duración. A primeira peza en soar foi unha versión rock do hino nacional de Catalunya, Els Segadors. Para alén da música, durante o concerto darase voz ás persoas presas a través de mensaxes dirixidas por estas e que serán lidas polas súa familias. Milleiros de persoas participan do evento, após se venderen 45 mil das 55 mil entradas dispoñíbeis, segundo datos da propia organización. 

O evento pode seguirse ao vivo en vídeo desde a plataforma Youtube:

Comentarios