Sen máscara ao aire libre en "xullo ou incluso antes"? As previsións de Simón

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, confía en que a vacinación da cidadanía avance a un ritmo que permita que este elemento xa non sexa obrigatorio en espazos abertos e coa distancia de seguridade.
Fernando Simón nunha rolda de prensa. (Foto: J. Hellín / Pool / Europa Press) #fernandosimón #pandemia #certificado #coronavirus #covid19 #máscara
photo_camera Fernando Simón nunha rolda de prensa. (Foto: J. Hellín / Pool / Europa Press)

Cres que poderás camiñar pola rúa sen máscara a partir do mes de xullo? Tes certas dúbidas? Pois a estimación a fai o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES), Fernando Simón, unha das caras visíbeis desta pandemia, que na segunda feira falou de que este elemento -xa case complemento- podería deixar de ser de uso obrigado "en xullo ou mesmo antes".

Iso si, de chegar a tal levantamento desta medida de seguridade fronte á Covid-19, sería só en exteriores e cando haxa unha distancia de seguridade prudencial do resto das persoas.

"Creo que xullo, ou mesmo antes, pode ser unha boa data para expor deixar de usar as máscaras nos exteriores", insistiu atendendo aos seus cálculos do ritmo de vacinación, para que non sexa un perigo.

Neste sentido, o representante do Goberno español puntualizou que "haberá ámbitos nos que será moi difícil deixalas até que non haxa unha gran porcentaxe da poboación vacinada".

"Tamén é necesario lembrar que para deixar de usar máscaras hai que modificar unha lei, e isto leva o seu tempo", destacou, comentando que a incidencia do virus continúa a baixar lentamente pero de forma estábel.

Por territorios e idades

Simón recoñeceu, ademais, que haberá que ter en conta a "variabilidade" entre territorios e franxas poboacionais para avanzar neste camiño, pois aínda hai grupos de idade que non contan con ningún medicamento fronte ao coronavirus.

Igualmente, a inoculación dos fármacos vai en función da cantidade de xente, das doses e das estratexias dos gobernos territoriais.

Certificado de vacinación

Pola súa banda, o secretario xeral de Saúde Dixital, Información e Innovación, Alfredo González, explicou na rolda de prensa conxunta que esta semana entra en vigor o Certificado Verde Dixital. "Desde o 7 de xuño España comeza a emitir aos cidadáns do noso país que o soliciten o certificado de vacinación dixital da UE. Tamén empezamos a recoñecer os certificados emitidos por outros países", aclarou.

Así mesmo engadiu: "Adiantámonos con iso máis de 20 días á data en que este certificado será obrigatorio. Sen este certificado poderase viaxar pero o proceso de entrada a cada país será máis lento: poderanse pór controis como corentenas".

Comentarios