O MAS postula Evo Morales como candidato nas eleccións de 2019

Sería o seu cuarto mandato. Morales aceptou a proposta. “Se o pobo o decide, Evo segue”, afirmou.

Evo Morales
photo_camera Evo Morales

O Movemento ao Socialismo (MAS) decidiu por unanimidade este sábado en Montero, onde decorre o seu congreso, que Evo Morales sexa novamente candidato presidencial nas eleccións de 2019  e por cuarto mandato consecutivo. A principios de ano, e nun referendo, gañou a opción de non modificar a constitución para permitir máis de dous mandatos.

Morales aceptou a proposta. “Se o pobo o decide, Evo segue”, dixo. “Ningún problema, imos derrotar a dereita, temos confianza nos movementos sociais”, engadiu. O congreso recomendou catro alternativas para habilitar a candidatura dentro da vía constitucional. A primeira pasaría por unha reorma parcial da constitución política a través dunha iniciativa cidadá conseguindo sinaturas equivalentes ao 20% do padrón electoral.

Unha segunda vía refírese a unha reforma constitucional que permita a reelección das autoridades por máis dun período de forma continua. A terceira opción recomenda que o presidente renuncie antes das eleccións de 2019, adiantando así a conclusión do seu presente mandato. A última alternativa alude á habilitación dun novo mandato mediante a interpretación da Constitución Política do Estado.

Evo Morales gañou a súa primeira elección en 2005 co 54% dos votos, revalidou o cargo en 2009 co 64%, e volveu ser reelecto en 2014 co 61%.

Comentarios