Bolivia contra o golpe

O MAS pasa á ofensiva e desafía o golpe

Bolivia atópase de novo na encrucillada política. O Movemento ao Socialismo de Evo Morales colle forza e as deputadas e deputados socialistas, que son maioría no Congreso e o Senado, gañan a presidencia de ambas as dúas cámaras nunhas votacións onde tamén participan membros da oposición. O MAS non se rende e deslexitima así a autoproclamación de Jeanine Áñez como presidenta do Estado.  

Mobilización popular na Paz contra o golpe de Estado e en defensa do presidente Evo Morales (Gaston Brito EP).
photo_camera Mobilización popular na Paz contra o golpe de Estado (Gaston Brito / EP)

Após a demisión de Evo Morales debido ao golpe cívico-policial-militar acontecido en Bolivia e a súa marcha ao exilio semellaba que as protestas populares eran o único obstáculo para a dereita e as forzas armadas acabaren de facerse co poder total, tendo na autoproclamada presidenta do Estado, Jeanine Áñez, o seu máximo referente.  

Porén, o Movemento ao Socialismo, o partido liderado por Evo, conseguiu recuperar posicións ao ser quen as súas deputadas e deputados de acceder ás cámaras do poder lexislativo. Para isto, tiveron que sortear os impedimentos e a violencia policial coa que se lles tentou bloquear a entrada ao Congreso e o Senado. 

A sesión da Cámara Alta puido arrincar coas e cos membros do MAS e 3 da oposición, sumando 27 dos 36 votos totais cos que conta. Desta maneira e por unanimidade nomearon a socialista Eva Copa Gonzales como presidenta do Senado. 

En sinal de loito polas «irmás caídas» durante o conflito dos últimos días, Eva Copa vestiu de negro e alzou a bandeira tricolor e a Whipara dos pobos do Estado plurinacional de Bolivia.

Copa chama á paz

«Desde este cargo pido ás forzas armadas e á policía boliviana tratar tamén con respecto aos nosos pobos indíxenas orixinarios", implorou Copa. «O Movemento ao Socialismo non quere máis mortes, nós queremos a paz, traballar en democracia, dar a resposta máis pronta ao noso país indo a unha elección o máis rápido posíbel», afirmou a presidenta da Cámara Alta. 

Así mesmo, Copa quixo solidarizarse coa súa compañeira Adriana Salvatierra, anterior presidenta do Senado que demitiu do cargo o mesmo día en que Evo anunciou a súa renuncia, e que foi agredida pola policía ao tentar acceder ao Parlamento a pasada quinta feira. 

A esquerda tamén recupera o Congreso

Tan só 24 horas antes da investidura de Eva Copa como presidenta do Senado, o MAS lograra tamén recuperar o mando da Cámara Baixa nomeando o socialista Sergio Choque como presidente do Congreso.

Sergio Choque (EP)Non lles foi doado ao masismo reunirse para realizar as votacións, xa que a policía bloqueou os accesos á Camara do poder lexislativo e mesmo mallou nos representantes, incluída na anterior presidenta do Senado Adriana Salvatierra. Desta maneira, a sesión do Congreso non se puido desenvolver pola tarde, e tivo que realizarse de madrugada. 

Pola súa banda, Sergio Choque esixiu no seu primeiro discurso o fin da represión nas rúas e denunciou que en Bolivia se están a «vulnerar os dereitos fundamentais, o dereito á libre expresión, á vida e á educación, dereitos que foron vulnerados por este golpe en complicidade coa policía e as forza armadas».

Unha das primeiras propostas de Choque anunciada á fronte da Cámara lexislativa foi elaborar unha «lei de urxencia» para que o exército volva aos cuarteis e a policía volva garantir a seguridade nas rúas. 

Jeanine Áñez, aínda máis deslixitimada

Coa recuperación da presidencia de ambas as cámaras pola esquerda, Jeanine Áñez perdeu os argumentos aos que se aferraba para xustificar a súa autoproclamación como presidenta de Bolivia. Após o anuncio de demisión do presidente e vicepresidente do Goberno e dos seus homólogos no Congreso e Senado, Áñez aludiu a súa condición de vicepresidenta segunda da Cámara Alta para asumir o poder seguindo a orde sucesoria reflectida na Constitución. 

JeanineA dereita tentou reunir a asemblea lexislativa en dúas ocasións a pasada terza feira para nomear  Jeanine. A primeira xuntanza fallou ao non haber quorum, xa que as e os membros dos MAS non asistiron por falta de garantías. Poucas horas despois o nomeamento de Áñez realizouse sen quorum nunha cámara case baleira. 

Agora, co nomeamento destas dúas presidencias, Áñez fica, aínda se cabe, con menor lexitimidade para o cargo, xa que Copa estaría por diante dela como presidenta do Senado. De feito, o seguinte paso anunciado polas cámaras é convocar unha asemblea lexislativa onde se trate a demisión de Evo. E esta demisión pódese non aceptar polo Congreso e o Senado ou ben, poden aceptar que Copa sexa quen asuma a presidencia. 

Mentres, a rúa segue sendo un fervedorio. Na sexta chegaron desde O Alto á Paz milleiros de campesiñas e campesiños indíxenas esixindo a demisión de Áñez.

Comentarios