Mas di que convocará eleccións o 11 de xaneiro

O president en funcións di que JxSí non fará novas propostas á CUP embora asegurar que "hai tempo" para chegar a un acordo.

Artur Mas no Parlament_ Job Vermeulen
photo_camera Artur Mas no Parlament [Imaxe Job Vermeulen]

Artur Mas compareceu perante a imprensa esta terza feira após reunirse coa dirección de CDC. O aínda president da Generalitat en funcións avanzou que asinará o decreto de convocatoria das eleccións na segunda feira (11 de xaneiro) e que, no tempo que resta, Junts pel Sí non fará novas propostas á CUP, nomeadamente a respeito da súa persoa. 

Neste senso, Mas dá case por fechada a porta a un hipotético acordo entre as formacións independentistas que culmine coa abertura da lexislatura. "JxSí fixo tantos ofrecementos á CUP que fica claro que non se poden facer máis", dixo, "non ten sentido facer novas ofertas". 

"JxSí fixo tantos ofrecementos á CUP que fica claro que non se poden facer máis"

Mas rexeitou facerse á marxe para dar continuidade ao proceso, como reclamaban mesmo voces dentro de ERC. Porén, sinalou que "se cedemos niso transmitiremos a mensaxe de que o proceso que facemos se pode construír en base a vetos". 

Así as cousas, algúns medios de comunicación como elnacional.cat aseguran que Oriol Junqueras tería ofrecido a súa saída do goberno, como vice-presidente, se Mas asume que sexa outra persoa de CDC a que se candidate á presidencia. Algo que semella imposíbel após a comperecencia de Mas. 

Doutra banda, do encontro mantido polo grupo parlamentar de Junts pel Sí esta terza feira a coligazón amosou o mesmo posicionamento que Mas ao rexeitar calquera nova proposta. Ora ben, amosaron vontade de voltar á mesa de negociación coa CUP e coas formacións sociais independentistas (ANC, Ómnium). 

Comentarios