Mas considera a Podemos un obstáculo para o proceso independentista catalá

Asegura que a formación de Pablo Iglesias “fai un gran favor aos intereses do Estado español” nunha entrevista co diario 'Wall Street Journal'.

Artur Mas
photo_camera Artur Mas

 

O presidente da Generalitat de Catalunya, Artur Mas, cre que a irrupción de Podemos debilita o proceso soberanista. Así o manifestou nunha entrevista co diario estadounidense ‘Wall Street Journal’, onde dixo que a formación de Pablo Iglesias “fai un gran favor aos intereses do Estado español”.

O problema non está no eixo esquerda-dereita, senón na relación entre Catalunya e España. Sexan de esquerdas ou de dereitas os gobernos españois, Catalunya precisa máis poder, máis recursos, máis capacidade de decisión e máis protección para a lingua e cultura propias”, sinalou o líder de CIU.

"Sexan de esquerdas ou de dereitas os gobernos españois, Catalunya precisa máis poder", sinalou Mas.

Mas considera que a mensaxe de Podemos está a xerar confusión entre o electorado, o que pode converterse nun obstáculo para o movemento independentista.

Referiuse ás últimas enquisas, que revelan un lixeiro descenso no apoio á folla de ruta. “Son flutuacións temporais”, matizou, e asegurou que o mellor exemplo do contrario son as grandes mobilizacións a prol do proceso. Tamén destacou o apoio internacional recibido polo momento.

Preguntado acerca da querela presentada pola consulta do 9-N, o presidente catalán dixo estar tranquilo. “Estou en paz co que fago, mais non co que poda pasar”, valorou en relación a posíbeis consecuencias legais. 

 

Comentarios