Marta Rovira non se presenta no Supremo e marcha ao exilio

A secretaria xeral de ERC anunciou esta quinta feira que deixaba o escano e esta sexta anunciaba nunha carta á militancia a decisión de marchar para o estranxeiro.

marta-rovira

Marta Rovira pasa a engrosar a lista de dirixentes independentistas cataláns no exilio. A secretaria xeral de Esquerra non acude esta sexta feira a declarar ao Tribunal Supremo, onde estaba citada canda outros dirixentes independentistas. Rovira enviou unha carta á militancia de ERC na que expón os motivos polos que emprende “o camiño do exilio”.

O exilio será un camiño duro, pero é o único xeito de recuperar a miña voz política

A dirixente independentista non concreta a que sitio marcha, se ben este vai ser fóra do estado español. Sinala que no exilio recuperará a súa “voz política” e di que esta opción “é a única forma de alzarse contra o goberno do PP”.

Na carta Marta Rovira afirma: "O exilio será un camiño duro, mais é o único xeito de recuperar a miña voz política. É o o único xeito que teño que facer fronte ao goberno do PP, que persegue a todo aquel que estea a favor de votar e a calquera que intente cambiar o establecido previamente. Un Goberno que está disposto a ignorar o estado de dereito e as liberdades civís para os seus propósitos políticos".

Rovira estaba citada esta sexta feira no Tribunal Supremo con outros cargos independentistas, como Jordi Turull, Josep Rull, Raül Romeva, Carme Forcadell e Dolors Bassa.

Comentarios