O pobo reclama a fin da discriminación

Marrocos reprime con forza os protestos no Rif

As mobilizacións populares que comezaron a finais de 2016 no Rif, ao norte de Marrocos, están a sufrir nos últimos días unha brutal represión por parte das forzas de orde marroquís. O pobo protesta contra a militarización, a corrupción e a humillación á que se ve sometido.

[Imaxe: @Aydud24] Forzas da orde no Rif
photo_camera [Imaxe: @Aydud24] Forzas da orde no Rif

Nos últimos días, Marrocos aumentou a represión sobre a mobilización da poboación do Rif, un territorio desatendido polas autoridades marroquís e onde a indignación estalou o ano pasado após a morte do mariñeiro Mouhcine Fikri, de 31 anos, quen fora atropelado por un camión do lixo mentres trataba de protestar contra a incautación e destrución do peixe espada.

Desde entón, os chamados á xustiza convertéronse nun movemento popular que reivindica emprego e hospitais, dada a discriminación que vive este territorio. Un dos líderes deste movemento, Nasser Zefzafi, ten reclamado “a rehabilitación da nosa rexión devastada”. “Somos fillos de xente pobre e sinxela que sae á rúa para dicir non á tiranía, non estamos pedindo nada excepcional”.

Detencións

Precisamente, nos últimos días, Marrocos ditou orde de detención contra Nasser Zefzafi por interromper o imán durante o sermón no que se criticaba o movemento popular. Aliás, as forzas marroquís detiveron outro dos líderes, Mohamed Jelloul, quen chamara a unha greve xeral no Rif.

O pobo deste territorio economicamente devastado do norte de Marrocos reclama o desenvolvemento social e económico da zona, hoxe completamente militarizada para evitar as mobilizacións pacíficas. As esixencias son sempre as mesmas: empregos, estradas, universidades, hospitais e investimentos.

O Rif é un lugar que tradicionalmente se rebelou contra o poder central, ao que as e os rifeños acusan de telos abandonados.

Comentarios