O delegado do Goberno en Madrid terá que declarar polo 8-M

A titular do Xulgado de Instrución número 51 de Madrid citou a declarar como investigado o delegado do Goberno estatal na Comunidade de Madrid por permitir as concentracións multitudinarias os días previos á declaración do estado de alarma. 
O delegado do Goberno na Comunidade de Madrid, José Manuel Franco (Imaxe: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera O delegado do Goberno na Comunidade de Madrid, José Manuel Franco (Imaxe: Jesús Hellín / Europa Press)

A titular do Xulgado de Instrución número 51 de Madrid, Carmen Rodríguez-Medel, citou a declarar como investigado o próximo 5 de xuño o delegado do Goberno estatal na Comunidade de Madrid, o galego José Manuel Franco, por permitir as concentracións multitudinarias os días previos á declaración do estado de alarma en Madrid, entre elas, a marcha que o 8 de marzo tivo lugar con motivo do Día Internacional das Mulleres Traballadoras. 

A maxistrada comezou a investigar o delegado do Goberno após admitir unha denuncia dun particular por un presunto delito de prevaricación administrativa por permitírense manifestacións entre o 5 e o 14 de marzo. A dereita española leva desde entón cargando contra a realización dos actos do 8-M. 

Marlaska cesa o xefe da Garda Civil en Madrid

O ministro do Interior do Goberno español, Fernando Grande-Marlaska, destituíu esta segunda feira, 25 de maio, o xefe da Comandancia da Garda Civil en Madrid, Diego Pérez de los Cobos, por "perda de confianza".

Segundo fontes do departamento consultadas por Europa Press, sectores do Instituto Armado relacionan o cesamento cos informes xudicializados e declarados segredos sobre a manifestación feminista do 8 de marzo deste ano en Madrid e a xestión do responsábel de Alertas do Ministerio de Sanidade, Fernando Simón.

O propio Simón afirmou esta segunda feira en rolda de prensa estar tranquilo, xa que reiterou que o efecto da manifestación na pandemia non é salientábel comparado co movemento de transporte e actividade diaria da cidade.

De los Cobos foi o coordinador do dispositivo policial que actuou con violencia no referendo catalán do 1-O de 2017. 

Comentarios