Robles, sobre a espionaxe de 'Pegasus': "É moi fácil acusar o CNI sen probas porque non pode defenderse"

A ministra de Defensa afirma que todas as actuacións do Goberno e do CNI "están sometidas á lexislación vixente", mentres a vicepresidenta Yolanda Díaz empraza ás declaracións de Margarita Robles e defende que "España é un país democrático".
A ministra de Defensa, Margarita Robles, nunha sesión do Congreso decorrida en marzo. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera A ministra de Defensa, Margarita Robles, nunha sesión do Congreso decorrida en marzo. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

A ministra de Defensa, Margarita Robles, reivindicou esta cuarta feira o traballo do Centro Nacional de Intelixencia (CNI) no suposto caso de espionaxe contra dirixentes independentistas a través do programa israelí Pegasus, e garantiu que todas as súas actuacións están sempre "sometidas á lexislación vixente", ao tempo que rexeitou que se fagan acusacións "sen probas".

En declaracións á canle pública 24 horas, Robles evitou dar detalles sobre a actuación do CNI e non aclarou se conta co programa Pegasus, alegando que todo o relacionado co centro de intelixencia está suxeito ao segredo por lei. "É moi fácil atribuír determinadas actuacións ao CNI porque se sabe que o CNI non pode defenderse", lamentou, logo de que o president da Generalitat, Pere Aragonès, sinalase directamente o centro de intelixencia.

Neste contexto, asegurou que o Executivo ofrecerá toda a súa colaboración á Xustiza se for preciso e mesmo animou as persoas afectadas a acudir á Xustiza para que se aclare o caso. Aliás, lembrou que o CNI tamén está sometido ao control parlamentario a través da denominada Comisión de Gastos Reservados, que aínda non se constituíu nesta lexislatura. Por iso, convidou o Congreso a iniciar o funcionamento desta comisión e a que a directora do CNI, Paz Esteban, poida comparecer nela para dar contas "sen ningún tipo de restrición nin reserva".

A constitución desta comisión require do visto e prace do pleno do Congreso con tres quintas partes da Cámara (210 votos). Robles solicitou comparecer cedo no Congreso, pero na Comisión de Defensa e para falar da política de defensa da Unión Europea, polo que alí non dará moitas máis explicacións sobre o suposto caso de espionaxe, aínda que lle pregunten os grupos parlamentarios.

"O CNI está limitado por lei a que todo o que fai é secreto", lembrou a ministra de Defensa, insistindo en que, en todo caso, todas as súas actuacións están sometidas a "control xudicial" e tamén hai control parlamentario. "Espero que esta comisión se constitúa pronto", dixo. "Que todo o mundo o teña claro. Temos que sentirnos orgullosos de España como Estado democrático de dereito. Non podemos sementar dúbidas nin sospeitas sobre unha organización que non se pode defender", reivindicou.

Por outra parte, asegurou que durante o mandato de Pedro Sánchez "tanto o CNI como o conxunto da Administración actuaron conforme á lexislación vixente". Ademais, pediu que "non se esqueza" a "aposta" do Executivo de Sánchez pola "vía do diálogo e a política" en Catalunya, aínda que lle custase "críticas" en determinados momentos.

"O Govern [de Catalunya] sabe que o Goberno de Pedro Sánchez sempre asumiu unha aposta política polo diálogo", lembrou, respondendo ás críticas de Aragonès e tamén da presidenta do Parlament, Laura Borrás, que chegou a solicitar a dimisión do titular do Executivo.

Noutra orde, a ministra de Traballo e vicepresidenta segunda do Goberno estatal, Yolanda Díaz, engadiu sobre esta cuestión: "España é un país democrático e os países democráticos non deben ter ningún temor para facer gala da transparencia e de cantas aclaracións sexan precisas".

Comentarios