mércores 21/10/20

Unha maré toma Donostia en defensa de cambios na política penitenciaria

Unha maré plural, con EH Bildu, o PNV, Elkarrekin Podemos, EH Bai, EELV e CUP, entre outros, participou na masiva manifestación que demandou na tarde do sábado compromisos políticos para solucionar a situación das presas e presos vascos.

2018-10-20, Donostia. Orain Presoak dinamikak deitutako manifestazioa. 

20-10-2018, San Sebastián. Manifestación convocada por la dinámica Orain Presoak.
[Imaxe: cedida]

O movemento “Orain presoak” xuntou milleiros de persoas –estímase que 37.000– en Donostia na tarde do sábado para reclamar unha solución á situación das presas e presos vascos que se atopan dispersos en diversos cárceres a centos de quilómetros do país. Foi esta a mobilización máis plural até o momento, pois participaron, alén da maioría de sindicatos, como ELA, LAB e UXT, representantes de EH-Bildu, PNV, Elkarrekin Podemos, EH Bai, EELV e CUP.

Houbo un chamamento específico que alertou da situación das mulleres presas e tamén se reclamou a liberdade das presas e presos políticos cataláns. O artesán da paz Michel Berhokoirigoin afirmou, na intervención que puxo o feche ao acto, que a pluralidade e a mobilización popular son dous dos factores que lograron efectivizar o desarme da ETA e conseguir a implicación das institucións para abordar cambios na política penitenciaria.

Berhokoirigoin pronunciouse ao respeito dos achegamentos que tiveron lugar no Estado francés e, en menor medida, no español, “queda moito por facer. Temos clara a dirección e chegou o momento de mudar de velocidade”. Xunto á cuestión carceraria, salientou a importancia de traballar pola verdade, o recoñecemento e a reparación de todas as vítimas do conflito.

Reivindicacións

Resolver a cuestión das presas e presos é, segundo o movemento Orain Presoak, urxente e imprescindíbel para fechar as fendas que aínda existen na sociedade. As reivindicacións son, principalmente, catro:  poñerlle fin á política de afastamento e o sufrimento que supón ás familias; a excarceración das presas e presos gravemente enfermos; facilitar a progresión de grao e aplicar a acumulación de penas.

comentarios