Marcos Santos: "No exército español, téñenme mandado fascistas"

En 2018 un milleiro de militares españois asinaron un escrito contra o traslado dos restos de Franco do Val dos Caídos. Ducias contestaron cun manifesto antifranquista. O cabo galego Marcos Santos foi un deles. O exército expulsouno por romper a "neutralidade política". Un tribunal militar acaba de avalar esta decisión.
Marcos-Santos-2-08161535-604x270 Félix Cal. VilaWeb
photo_camera Santos recorrerá a súa expulsión no Supremo e no Constitucional. (Félix Cal)

Por que o expulsaron?

Porque en 2018 asinei o manifesto antifranquista. Sancionáronme. Fixen dúas entrevistas. Volvéronme sancionar, logo de recoller 130.000 firmas en apoio ao tenente Segura, tamén expulsado. Sancionáronme outra vez, mais non foi suficiente e comezaron a buscar nas miñas redes sociais, nas que nunca me presentei como militar. A Policía rexistrou, sobre todo, o Facebook e no informe sobre min di que son claramente "anticlerical, antitodo o que sexa conservador, o PP e Ciudadanos". Non buscaron moito atrás, porque tamén son 'anti PSOE'. Tamén escribiron que era republicano, proetarra (porque levaba un calendario dos mozos de Altsasu, supoño) e proindependentista catalán, galego e vasco. Evidentemente. Son galego. Aquí vén a expulsión ratificada esta semana, desta procura nas redes sociais. Pero o detonante foi o manifesto.

E por que o asina?

Non podo permitir que mil xenerais que cando estaban en activo supostamente defendían a democracia e a Constitución, unha vez na reserva deixen de ser constitucionalistas e demócratas. Fomos gobernados todos estes anos por eles. Dentro do exército mandaron en min fascistas. E non se podía permitir que eloxie un asasino. Falamos dunha persoa que asasinou xente. Hai quen non pode chorar os mortos porque están nas cunetas, mais os militares son ben enterrados. 

Sostén que o fascismo no exército español non é de agora, nin do chat da semana pasada, que vostedes o aturaron desde a academia militar. 

Na academia vivíase o fascismo. Por exemplo, cando adestras e asaltas cotas, fanche visualizar un inimigo. E os berros que usan cando vas ao ataque son: "Mouro de merda! Marica de merda!" Ademais, cada día, facendo formación, cando rompes filas o berro é "Arriba España". Que digan "Viva España!" enténdoo, está claro. Pero "Arriba España", non. Un día, cando eles dixeron "Arriba España", eu respondín "Arriba tanto como Carrero Blanco". Detivéronme. Foi en Madrid. Falamos de hai sete ou oito anos.

Mais os franquistas do chat son minoría...

Explicar nun chat que queres fusilar 26 millóns de cidadáns, mulleres e nenos, é unha arroutada? Non. É de toda a vida. Pero son uns covardes. É a covardía que acumulan do ditador. Outro covarde. Dino agora, unha vez retirados, e non cando estaban en activo, porque agora non teñen nada que perder. Traidores. Isto son. Traizoaron as súas ideas durante anos. Se es fascista, dío cando estás en activo. Pois non. Cando estás na reserva. Entón si. "Viva Franco", "Arriba España..." Fascistas? Evidentemente. En 2018 mil militares da cúpula asinaron un manifesto a favor de Franco. Agora máis de 200 falan nun chat de fusilar millóns. Outros escriben unha carta ao rei contra o goberno social-comunista. Non son casos illados. É unha cuestión estrutural.

Vostede estivo 20 anos no exército.

Entrei en 1999. Catro meses en Alcantarilla (Murcia). Saín como soldado. Fun a Pontevedra. Nove anos a Transmisións, de operador de radio. No ano 2000 e en 2001 fun de misión a Kosovo, a un centro de comunicacións. Alí comezaron os problemas. Nun desfile negueime a ir á misa. E en 2003 negueime a ir á guerra de Iraq. Dixen que a guerra de Iraq non era a miña guerra. Ampárome nunha lei que di que ten que pasar un ano entre misión e misión e acababa de chegar de Kosovo.

Por que non era a súa guerra?

Eu son dos que saíu á rúa a berrar "Non á guerra". Empecemos por aí. Non estou para escoltar barcos de petróleo dos Estados Unidos. Téñoo clarísimo. 

Pode un soldado dicir "non á guerra"?

Evidentemente. Un soldado, en tempo de paz, está para traballar para o pobo. O exército é do pobo, que para iso o paga. Debémonos ao pobo. E se o pobo di "non á guerra", pois "non á guerra". E o dirixente do momento [Aznar], á parte de ser un xenocida e un asasino, debe pedir perdón, como xa fixeron os outros dous [Bush e Blair]. El aínda mente. Coma sempre. Tamén mentiron o 11-M.

Tamén é republicano.

O paradoxo é que con 14 anos era militante de Novas Xeracións (PP). Pero vas medrando, les libros non obrigatorios e amplías o abano. Espertas. Aos 16 anos formaba parte do colectivo republicano de Redondela. Agora presídoo. Gústame a historia e en Redondela aprendes da xente maior. Tivemos moitos maquis. Fomos a primeira vila a declarar a Segunda República. Nós, non Áraba. Por iso fomos moi represaliados. Gústame ler historia, aínda que deixei os estudos en 3º de BUP. Aprobaba, pero non ía nunca á clase. Fun ao exército para coñecer as historias da Unidade Militar Democrática. Decidín que ese era o meu camiño: defender a democracia nas forzas armadas. Soa forte, pero ten que ser así. Unhas forzas armadas democráticas son as que traballan para o pobo. Dixérono os portugueses na revolución dos cravos: "O povo é quem mais ordena". O exército non está para defender os xenerais, nin o rei. Está para defender o pobo. 

"Nun referendo pola independencia da galiza votaría si"

"Defendo o meu país e o meu país é Galiza", sinala, cando se lle pregunta polas referencias policiais ao independentismo. "O meu país ten un idioma, que é o galego. Está en perigo o español polo galego na Galiza, polo catalán en Catalunya ou polo euskera no País Vasco? Non o falaban tantos millóns? Vaise extinguir...?", censura.

"Os cataláns teñen a súa cultura  e todo o dereito de defendela e de dicir que non queren estar en España. O noso territorio, a nosa cultura e o noso idioma. E que non nos impoñan a cultura de fóra, que xa nola impuxeron hai moitos anos", defende, e avanza que nun referendo pola independencia da Galiza votaría "si".

"E tanto. República galega, sempre. Cando me preguntan de onde son, digo Redondela. Despois, Pontevedra. E Galiza. E o mundo", conclúe.

Comentarios