venres 24/09/21

As marchas pro Bolsonaro alarman o STF, que adía o xuízo das terras indias

Será o 8 de setembro, ao día seguinte das manifestacións.
indigenas_marco_temporal_JoeniaWapichana-twitter
Seguimento do proceso xudicial fronte a sede do alto tribunal en Brasília, na vista da quinta feira (Foto: Joenia Wapichana / Twitter)

A preocupación por que as manifestacións pro Bolsonaro do 7 de setembro se tornen violentas levou o Supremo Tribunal Federal (STF) a tomar unha serie de decisións para evitar quecer os ánimos nos días previos. En palabras dun dos maxistrados a BBC Brasil, o obxectivo é evitar "colocar lenha na fogueira".

Entre estas enmárcase a de adiar, por enésima vez, a resolución no xuízo do chamado "marco temporal" que determinará a titularidade de numerosas terras indíxenas. A Constitución brasileira de 1988 asegurou o dereito dos pobos orixinarios a preservalas, mais as grandes empresas do agronegocio e da minaría defenden que só se deben recoñecer como indíxenas as que estes  ocupaban cando se promulgou a Carta Magna. Os indíxenas defenden que o desprazamento forzoso invalida esa tese.

Contrario ao marco temporal manifestouse tamén Augusto Aras, procurador-geral da República (o fiscal xeral do Estado)na  lectura da súa posición. Malia os sinais positivos, desde as organizacións indíxenas temen que Bolsonaro manobre a nivel lexislativo para contrarrestar unha posíbel resolución favorábel. 

Tras a intervención de Aras, o presidente do STF, Luiz Fux, anunciou o adiamento do xuízo até o 8 de setembro, ao día seguinte das manifestacións en Brasília. Será entón, cando previsibelmente os maxistrados voten e adopten unha decisión.

Contra a inconstitucionalidade interviron nesa vista da quinta feira (madrugada galega de onte) as avogadas Lethicia Reis de Guimarães, representando o pobo Xakriabá, e Lucimar Carvalho, polos pobos Canela-Memortumré, Canela-Apãnjekra e Akroá-Gamella, segundo informou Rede Brasil Atual

O negocio e a Amazonía

O procurador do Estado de Santa Catarina, Fernando Filgueiras, defendeu a postura do agronegocio, argumentando que a declaración de inconstitucionalidade do "marco temporal" prexudicaría a produción agropecuaria. Mais Reis defendeu que "se o discurso contrário se baseia na ideia de que os indígenas devem produzir alimentos, como fazer isso sem a terra tradicional?".

Desde a Rede Eclesial Pan-Amazônica defenden que o impacto do proceso transcenderá o ámbito colectivo dos pobos orixinarios e afectará tamén a protección da Amazonía, "que somente existe porque aí há povos que a cultivaram, cultivam e protegem".

Jair Bolsonaro chegou á Presidencia prometendo abrir as terras indíxenas á explotación. Nestes anos aumentaron exponencialmente as incursións ilegais de garimpeiros (persoas que se dedican á actividade extractiva de minerais) , provocando deforestación e contaminación.

Dereita vs. esquerda

A decisión xudicial sobre o "marco temporal", de ser contraria aos intereses das grandes empresas, levará a un incremento da tensión institucional que xa se vive agora polos ataques contra a xustiza e contra o Congreso por parte de Bolsonaro. As manifestacións do 7 de setembro prevense multitudinaria, con presenza de grupos diversos, entre os que tamén estarán policías e militares. 

E prodúcese alentada polo propio presidente ante as enquisas electorais que dan a vitoria nos comicios previstos para 2022 ao ex inquilino do Palácio de Planalto Lula da Silva, do esquerdista Partido dos Trabalhadores (PT). 

Polo menos 13 grupos pro Bolsonaro e tres de esquerda manifestaranse ese día na capital, e existe o temor a que haxa enfrontamentos violentos e ataques ás sedes do STF e do Parlamento. 

comentarios