MARCHAS POLA LIBERDADE

Ducias de miles de persoas levan a Barcelona a reclamación da liberdade das presas políticas catalás

As cinco columnas arriban á capital catalá en plena folga xeral, un paro cun seguimento marcado polo corte de vías, a paralización de factorías como a de Seat en Martorell e o alto seguimento no ensino.

BARCELONA CATALUNYA
photo_camera Foto: ANC

Após tres días de camiñada reivindicando a liberdade dos presos e presas políticas catalás, as ‘marxes per la llibert’ arribaron esta sexta feira a Barcelona con miles de persoas formando parte das mesmas. Máis de 100 quilómetros percorreron desde esta cuarta feira até hoxe cada unha das 5 columnas (saídas desde  Berga, Vic, Tàrrega, Girona e Tarragona) destas ‘marxes’, unha nova mostra de músculo, convocatoria e forza por parte do independentismo catalán.

‘Polos dereitos e liberdades, Folga Xeral’. Este é o lema do paro convocado en Catalunya para esta sexta feira por sindicatos como a Intersindical-CSC e ao que se sumaron outros como CGT ou Unió de Pagesos para dar resposta á sentenza do Tribunal Supremo que condena 100 anos de prisión as lideres independentistas. Formalmente, a folga convócase por motivos laborais (contra a precariedade, por un SMI de 1.200 euros...) pois as greves políticas están prohibidas no Estado español.

O paro déixase notar nas primeiras horas en cortes das principais vías de comunicación catalás, tanto estradas como camiños de ferro, así como cancelación de voos e retrasos no aerporto. Tamén no ensino, cun alto seguimento en centros de secundaria e universidade; ou en diferentes medios de comunicación catalá que, como o Ara, non sacan hoxe edición en papel.

Un dos maiores centros de traballo de Catalunya, a planta de Seat en Martorell, parou a produción desde a tarde da quinta feira. A dirección fala de “parada técnica” ante a imposibilidade de garantir que chegasen subministros e operarias á factoría. A medida afecta case 7.000 traballadores e traballadoras.

A cadea de supermercados Bonpreu non abre as súas tendas e ofreceu un permiso retribuído aos seus 7.000 empregados e empregadas. A folga esténdese a diferentes sectores, así a asemblea de estibadores e estibadoras do Porto de Barcelona sumouse á folga, A patronal Cecot informou que a metade das empresas asociadas fecharon pola folga. 

Ao longo da xornada haberá diferentes manifestacións con motivo da folga xeral, sendo a principal a convocada ás 17:00 horas nos Jardinets de Gràcia, en Barcelona.

Comentarios