O Mar Menor entra en colapso

O Goberno de Murcia nega reiteradamente a contaminación de orixe agrícola no Mar Menor, en contra incluso da evidencia científica, sosteñen entidades ecoloxistas. Todo isto no medio dun novo episodio de mortaldade de peixes que confirma o empeoramento dunha situación que se teme irreversíbel.
Esporta ateigada de peixes e crustáceos mortos, onte, nunha praia do Mar Menor. (Foto: Edu Botella / Europa Press)
photo_camera Esporta ateigada de peixes e crustáceos mortos, onte, nunha praia do Mar Menor. (Foto: Edu Botella / Europa Press)

O novo episodio de mortaldade de peixes e crustáceos no Mar Menor (Murcia) está facendo saltar todas as alarmas, e pondo en cuestión máis unha vez se é posíbel un futuro con vida na maior lagoa litoral do Estado español, “condenada a unha morte agónica”, incide Ecoloxistas en Acción.

A degradación da albufeira está intimamente vencellada coa expansión da agricultura en réxime intensivo e o regadío (nunha das zonas máis áridas de España), a entidade ecoloxista salienta que desde a perspectiva científica “non existen dúbidas da orixe agroindustrial dos fosfatos e nitratos que chegan á lagoa desde hai varias décadas”.

Esta contaminación provén principalmente de canalizacións que conectan as zonas agrícolas co Mar Menor. Primeiro extráese auga de acuíferos contaminados cos fertilizantes que sosteñen a agricultura intensiva, logo esa auga salgada pasa por unhas desalgadoras ilegais, e, finalmente, despois de separar a auga utilizada para regar, a salmoira -mesturada sobre todo con nitratos- bótase en canles que rematan nas canalizacións que levan a vertedura cara ao Mar Menor, como demostrou unha investigación de Datadista.

Nalgunha ocasión, desvela o medio, unha chamada da Presidencia da Confederación Hidrográfica do Segura freou de súpeto a inhabilitación destas canalizacións que nacen no Campo de Cartaxena.

Alí, sitúan tamén o epicentro do problema entidades como a Asociación de Naturalistas do Sueste (ANSE) ou World Wild Fund for Nature (WWF), que nun comunicado conxunto difundido esta quinta feira, advirten que a alta mortalidade na lagoa “podería continuar nos vindeiros días, debido a que as causas que xeraron o problema non se estudaron axeitadamente, e o Mar Menor segue a recibir grandes cantidades de augas de drenaxe”.

Tampouco hai vontade política para solucionar o desastre ecolóxico, láianse desde Ecoloxistas en Acción, que sinalan o Goberno rexional, “que semella estar aliñado co sector agroindustrial, defendendo os seus intereses e non o interese xeral”.

Amais de non retirar nin “un só metro de regadío ilegal”, o presidente de Murcia, Fernando López Miras (PP), “pon en dúbida a certeza científica da orixe agroindustrial da crise eutrófica e ameaza con denunciar a ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera”.

Mais, perante as teorías que evitan pór o foco na actividade agrícola do Campo de Cartaxena, o Instituto Español de Oceanografía apuntou que é “moi precipitado” afirmar que a onda de calor sufrida pola meirande parte do Estado a semana pasada pode ter algunha relación co visíbel deterioración ecolóxica da zona, por mor de que os organismos que viven alí están “especialmente adaptados aos cambios ambientais bruscos e flutuantes”. "Resulta difícil que se vexan afectados por un leve incremento de temperatura, dentro do máximo estival característico do Mar Menor”, salientou.

Tanto o PSOE como Podemos solicitaron a comparecencia de López Miras, a quen culpan do estado actual da albufeira xunto o conselleiro Antonio Luengo Zapata, responsábel de Auga, Agricultura, Gandaría, Pesca e Medio Ambiente.

Mentres agardan a evolución dos acontecementos nos vindeiros días, a poboación da ribeira do Mar Menor -moi dependente do turismo- mira cara ao ceo pola alta temperatura do mar Mediterráneo, que aumenta o risco de pinga fría, un fenómeno que pode desatar choivas torrenciais que, no caso do Mar Menor, enche de verteduras a lagoa pola urbanización masiva da costa e a desaparición do sistema de terrazas e bancais de secaño, que retiñan a auga ao seu paso.

Comentarios