Manifestacións multitudinarias na Cabilia reivindican a oficialidade do amazigh e a auto-determinación

Cen mil persoas tomaron parte nas mobilizacións que decorreron en varias cidades convocadas por diferentes organizacións, entre elas MAK (Movemento pola Auto-determinación da Cabilia), para comemorar a 'primavera bereber' e a 'primavera negra'.

bereber amazight-Siwel
photo_camera Imaxe: Siwel

En abril de 1980 o estado alxerino sufucou a sangue e lume a revolta que estoupou ao longo e ancho da Cabilia e que tivo na orixe a demanda de oficialidade para o bereber, unha mobilización que foi coñecida como ‘a primavera bereber’. Alxeria reprimiu a sangue e lume aquel movemento, uns feitos que @s bereberes (amazigh) lembran todos os anos, chegado abril, con multitudinarias mobilizacións en vilas e cidades. Nunha desas conmemoracións, a de 2001, a morte dun mozo a mans da policía provocou un regueiro de motíns e disturbios duramente reprimidos no que se coñeceu como ‘A primavera negra’. Desde entón a Cabilia lembra en abril ambas as dúas primaveras, mantendo o pulso pola defensa do seu idioma e cultura.

Este ano, @s bereberes volveron tomar parte nunhas manifestacións nas que a oficialidade do seu idioma, o amazigh, e da cultura propia foi o eixo central. As reivindicacións do laicismo e democracia tamén estiveron presentes nos protestos, así como -impulsada polo MAK- a reivindicación do dereito á auto-determinación. Máis de 100.000 persoas, segundo os organizadores, tomaron parte nas manifestacións.

Diferentes opcións

Unhas manifestacións nas que non faltaron as fotografías de persoas que son asumidas como símbolos da súa resistencia polos amazigh: Lunes Matub, cantante asasinado en 1988 nun atentado que oficialmente se atribuiu ao islamismo mais que a familia sempre mantivo que foi organizado polo Estado, Massinissa Guerna, o adolescente torturado até a morte nunha comisaría, @s prisioneir@s amazighs...

No movemento político en Cabilia conviven formacións (FS, RCD), que defenden o carácter diferenciado deste territorio mais apostan nunha Alxeria plural que dea cabida e recoñeza as diferentes identidades colectivas existentes no Estado; con outras como o MAK, defensores da creación dun estado propio na Cabilia a través do exercicio do dereito de auto-determinación. Até non hai moito, o MAK era o Movemento pola autonomía da Cabilia, e esa -a autonomía- era a súa reivindicación para este territorio do norte alxerino.


 

Comentarios