Irlanda do Norte

Manifestación por unha Irlanda unida con lembranza á Guerra Civil española

Baixo o lema “A esquerda pola unidade”, republicanas e republicanos irlandeses, comunistas, sindicalistas e activistas da sociedade civil marcharon polo límite que divide a illa en Tyrone-Monaghan, na primeira dunha serie de concentracións que levan por título “Mans a través da fronteira”. Houbo referencias a Euskadi, Catalunya e á República española, e interpretouse a popular canción Viva la Quinta Brigada.

irlanda-norte2
photo_camera Un momento da concentración de Moy Bridge. Foto: @Tommymckearney

Organizado conxuntamente polo Foro Republicano Socialista Peadar O'Donnel e as 1916 Societies, o pasado 26 de outubro desenvolveuse en Moy Bridge, na fronteira Monaghan-Tyrone entre Irlanda do Norte e o resto da illa, a primeira dunha serie de concentracións que levan por título “Mans a través da fronteira”.

Republicanas e republicanos irlandeses, comunistas, sindicalistas e activistas da sociedade civil marcharon baixo o lema “A esquerda pola unidade”, acompañados por numerosas bandeiras, entre estas, unha ikurriña vasca, unha estelada catalá e unha republicana española. Tommy McKearney -xornalista, ex membro do IRA e autor do libro O IRA provisional: da insurrección ao Parlamento- foi o orador principal.

“Camaradas, estamos no límite dos restos do Imperio Británico. Ollamos ao noso arredor e vemos unha entidade política creada ao comezo do século pasado co fin de servir o imperialismo británico e os intereses do gran capital situado nos condados do nordeste”, inicio McKearney a súa intervención, na que ademais criticou que a globalización minguara a capacidade de xerar riqueza para as industrias da rexión.

irlanda-norte3_peq

Antes, Barry Monteith, concelleiro en Dungannon polo Éirígí (“Erguerse”, en gaélico, unha escisión do Sinn Féin), fixo referencia ao monumento existente en Moy Bridge en homenaxe ao voluntario das Brigadas Internacionais Ben Murray, que morreu na batalla de Aragón durante a Guerra Civil española. E posteriormente o cantante Paul Cassidy interpretou a canción Viva la Quinta Brigada.

Nun comunicado de prensa, o Foro Republicano Socialista Peadar O'Donnel expresou pola súa banda que "non queremos unha nova República que estea subordinada a Londres, Bruxelas ou Washington senón unha democracia fundada sobre as necesidades do pobo traballador".

Comentarios