sábado 25.01.2020

Manifestación histórica en Edimburgo pola independencia de Escocia

A organización, All Under One Banner, cifra en 200.000 as participantes na marcha independentista que decorreu na capital escocesa,a mobilización máis multitudinaria dos últimos quince anos.

Manifestación histórica en Edimburgo pola independencia de Escocia

All Under One Banner (AUOB), a plataforma que leva cinco anos impulsando manifestacións e mobilizacións a favor dun segundo referendo independentista en Escocia, está afeita a que estas marchas sexan multitudinarias. En maio do ano pasado reuniu en Glasgow 80.000 persoas e en decembro perto de 100.000 independentistas tomaron parte na manifestación indepe de Edimburgo.

Mais o deste sábado, 5 de outubro, na capital escocesa superou todas as expectativas: máis de 200.000 manifestantes, segundo a organización, relamaron a independencia de Escocia nunha nutrida e animada mobilización multitudinaria. Fontes policiais rebaixaron esa cifra a 120.000. Calquera que sexan os números finais, foi a maior manifestación independentista. E a maior mobilización que se viviu nesa cidade desde a multitudinaria marcha de 2005 que baixo o lema 'Fai da pobreza historia' protestou contra a cimeira do G8.

Xente procedente de todos os recunchos de Escocia, escoceses e escocesas emigrados en Inglaterra, Irlanda ou outros países, independentistas galeses... todas sumaron para facer desta marcha unha cita que dote de forza a convocatoria dun novo referendo independentista.

Brexit

O Brexit axita Reino Unido. Abrir a porta a unha mudanza tan importante do estatus político-económico de Gran Bretaña xerou desde un primeiro momento a reacción do independentismo, escocés e gales, que reclaman o seu dereito a decidir. Unha demanda que se está a concretar a través das March for Independence, primeiro en Escocia e agora en Gales, mobilizacións de miles de persoas onde a reclamación independentista mostra músculo e discurso nas rúas.

escocia3A primeira ministra escocesa e dirixente do Partido Nacionalista Escocés (SNP, polas súas siglas en inglés), Nicola Sturgeon, anunciou en abril no Parlamento que ía promover un novo referendo sobre a independencia de Escocia. Sinalou que a consulta “é a nosa ruta para evitar o peor dos danos que causará o Brexit”, coa saída do Reino Unido da UE. Un referendo que tería lugar, antes de que conclúa a lexislatura actual, que finaliza na primavera de 2021. “Hai que ofrecer unha elección entre o Brexit e o futuro dunha Escocia independente como nación europea”. 

comentarios