Unha manifestación en Dublín demanda igualdade real e efectiva para o gaélico

A marcha, convocada pola plataforma en defensa do irlandés Conradh na Gaeilge, denunciou a imposibilidade de desenvolver na illa “o dereito humano básico a usar a lingua propia”. Un alto cargo do goberno demitiu recentemente pola “marxinación” constante do gaélico.

dublín
photo_camera dublín

Centos de persoas saíron á rúa esta fin de semana en Dublín para demandar na capital da República a igualdade “real e efectiva” para o gaélico.'Tir gan teanga tir gan anam' (un país sen idioma é un país sen alma) foi unha das palabras de orde máis visíbeis na marcha, segundo informaron medios irlandeses coma The Independent. A manifestación tiña como obxectivos, por unha banda, denunciar a marxinación e incumprimentos tanto da República de Irlanda coma do goberno do Ulster (6 condados da illa baixo soberanía británica) canto ao idioma propio da illa.

O secretario xeral de Conradh na Gaeilge, a plataforma en defensa do gaélico e convocante da manifestación, sinalou que a presenza de centos de persoas na mobilización indica que hai malestar cos dous gobernos da illa. “Non están apoiando nin dando protección legal á cidadanía que quere exercer o dereito humano básico a falar a súa lingua”.

As e os manifestantes pedían, entre outras cuestións, ao goberno da República que posibilite o poder usar e ter os servizos públicos en gaélico. No que atinxe ao goberno do Ulster, pedíuselle que activase unha lei para o gaélico. Lembraban as persoas que partillaron a manifestación que na actualidade estase a incumprir a constitución irlandesa no medio lingüístico. “O irlandés é o idioma nacional e a primeira lingua oficial, e o inglés a segunda lingua oficial”, indican que se recolle na constitución. E iso na realidade, “non se cumpre” por parte do goberno.

Dimisión

A marcha por Dublín tivo lugar semanas despois da demisión do comisionado para a lingua irlandesa, Seán Ó Cuirreáin, farto, confesou, “de que o idioma está a cada máis marxinado”, sobre todo no “sector público”, sen que o goberno se moleste en facer nada.

A foto de portada é de: Seán Ó Mainnín/Conradh na Gaeilge

Comentarios