Malorrusia: de Ucraína á “pequena Rusia”?

Donetsk aposta en superar o actual marco ucraíno constituíndo un novo Estado, Malorrusia, que integraría as rexións que fan parte arestora de Ucraína e tamén as dúas repúblicas populares do Donbás, xurdidas pola ruptura co goberno golpista de Kiev.

ucraina_videoblocks

4Após tres anos da guerra civil na Ucraína, con máis de 10 mil mortes e provocada polo goberno golpista de Kiev que, apoiado en forzas de extrema dereita e co amparo das principais potencias occidentais, iniciou unha vaga de violencia e represión, desde a República Popular de Donetsk (RPD), na rexión do Donbás, vén de se proclamar a constitución dun novo Estado, Malorrusia. A “pequena Rusia” non tenciona fragmentar a actual Ucraína, senón que se presenta como a súa sucesora. Así o defendeu Alexandr Zajárchenko, líder da RPD, quen xustificou a decisión adoptada por unanimidade o pasado día 18 por representantes de todas as rexións ucraínas, diante da situación de caos provocada, na súa opinión, polo goberno de Kiev e que tería convertido Ucraína nun “estado falido”. “O réxime de Kiev non é quen de acabar coa guerra civil. Propoñemos estabelecer o Estado de Malorrusia, un Estado novo e independente para un período de transición de até tres anos”, proclamou Zajárchenko. Unha transición que decorrerá. de acordo coa declaración política da RPD, nun marco de ‘estado de excepción’, por causa do “grave estado económico do país, o posíbel caos e desintegración e a posibilidade de que se desate unha guerra de todos contra todos”.

 

“Nós, representantes da antiga Ucraína, anunciamos a creación dun novo Estado, herdeiro legal de Ucraína. Concordamos en que o novo Estado se chamará Malorrusia, xa que a denominación de Ucraína está desacreditada. A capital de Malorrusia será a cidade de Donetsk”, recóllese na acta constitucional do novo Estado. Malorrusia, cuxa Constitución terá de ser ratificada a través de referendo popular, organizarase sob a fórmula dun “ente federativo con ampla autonomía”. O novo Estado definirase como “plurinacional” e para alén dos dous idiomas oficiais –-o malorruso e o ruso--  respeitará as linguas rexionais. Para a posta en marcha da Asemblea Constitucional promoverase a elección de representantes en todas as rexións da actual Ucraína, agás Crimea, reincorporada desde marzo de 2014 na Federación Rusa por decisión popular.

 

[Poder ler a información íntegra no número 256 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]

Comentarios