Malaisia vota este sábado nas eleccións federais para tratar de acabar coa inestabilidade política

A Federación de Malaisia é un dos países que controla o estreito de Malaca, un paso chave na ruta marítima máis curta desde a China a Asia Occidental e Europa. Após altibaixos nas relacións bilaterais, os comicios federais malaios determinarán se Beijing pode completar as infraestruturas da nova ruta da seda.
Anwar Ibrahim, líder do Pacto da Esperanza, saúda onte os seus seguidores en Ipoh (Malaisia). (Foto: Pacto da Esperanza)
photo_camera Anwar Ibrahim, líder do Pacto da Esperanza, saúda onte os seus seguidores en Ipoh (Malaisia). (Foto: Pacto da Esperanza)

21 millóns de malaias e malaios con dereito a voto buscan pór fin hoxe a case tres anos de inestabilidade política -con tres primeiros ministros diferentes- marcados pola xestión da Covid-19 e a situación da economía, nunha espiral de suba de prezos.

A Federación asiática é xunta Indonesia un dos Estados situados no tramo principal do estreito de Malaca, o paso comercial marítimo máis importante do mundo, polo que discorren 25% das mercadorías, entre elas petróleo ou gas natural, sendo ademais unha ruta imprescindíbel para as exportacións chinesas. Por Malaca pasan catro veces máis contedores que pola canle de Suez ou o estreito de Xibraltar, segundo datos da Conferencia das Nacións Unidas sobre Comercio e Desenvolvemento.

Un dos segmentos chave nestes comicios é o da mocidade. Unha modificación constitucional en 2019 rebaixou de 21 a 18 a idade mínima para votar, o que eleva a máis de 6 millóns de persoas o número de votantes menores de 30 anos, o que obriga as forzas políticas a dar resposta ás súas demandas, apunta Nikkei Asia.

Catro grandes formacións dispútanse a maioría dos 222 escanos da Casa do Pobo de Malaisia, coas enquisas outorgando a vantaxe á progresista Pacto da Esperanza liderada por Anwar Ibrahim, que logrou derrotar en 2018 a conservadora Fronte Nacional, o grupo controlado pola Organización Nacional dos Malaios Unidos (UMNO), que perdeu por primeira vez o poder desde a independencia do Reino Unido en 1957.

Ruptura do Goberno

Así e todo, os problemas internos do Pacto á hora de distribuír os cargos de Goberno, e a inesperada renuncia do primeiro ministro Mahathir Mohamad en febreiro de 2020, foi aproveitada por membros do Partidos Indíxena Unido de Malaisia para retirar o apoio ao gabinete e aliarse coa UMNO.

A pesar diso, as disputas internas no seo da UMNO acabaron un ano despois co Executivo de Muhyiddin Yassin, que acabou por ser expulsado do partido. O seu sucesor e candidato oficial no proceso electoral de hoxe, Ismail Sabri Yaakob, viuse forzado a convocar eleccións anticipadas pola presión do presidente da forza política, Ahmad Zahid, que deixou entrever que no caso de que os resultados lle permitan gobernar en solitario podería asumir el directamente o cargo de primeiro ministro, tendo en conta que en Malaisia o sistema parlamentar está baseado no británico, onde estas mudanzas son habituais.

Todo isto no medio de múltiples xuízos por corrupción durante os mandatos da UMNO, que levaron á prisión cunha condena de 12 anos o primeiro ministro até 2018 
Najib Razak.

Vantaxe do Pacto da Esperanza

Os últimos estudos demoscópicos publicados, o do Merdeka Center e o de YouGov a semana pasada, colocan o Pacto da Esperanza con 35% da intención de voto, coa Fronte Nacional por baixo de 20%. Ao tempo, outro 20% das e dos votantes estaban indecisos ou non transmitiron as súas preferencias.

Ademais, as enquisas adiantan o que podería supor unha mudanza na estrutura política malaia, ao superar á Alianza Nacional de centro dereita que encabeza Muhyiddin, que obtería 21%-22%, a Fronte Nacional.

Por detrás atópase o Partido dos Loitadores da Patria de Mahathir, con 1%. O político de 97 anos foi primeiro ministro durante máis de dúas décadas en dous períodos diferentes.

A concorrencia destas dúas formacións, dirixidas como a UMNO aos malaios étnicos, pode incidir de maneira determinante nos resultados da coalición conservadora, indica Reuters.

O certo é que a decisión de acabar coa lexislatura non foi ben vista polos votantes, defende The Malaysian Reserve, que coloca a economía e a inflación como os principais problemas da poboación, preocupada pola falta de respostas do Executivo asiático, o que leva a unha preferencia cada vez maior polos candidatos locais como factor determinante do voto en detrimento dos partidos e dos liderados federais.

Un paso chave para a China

A nivel xeoestratéxico, o estreito de Malaca xoga un papel fundamental nas rutas da Armada chinesa para acceder ao Índico.  Isto motiva que no estreito contiguo, o de Singapur, os Estados Unidos instalaran unha das bases militares estranxeiras máis importantes de Asia.

En 2018, Mahathir suspendeu varios proxectos de infraestrutura asinados coa China, provocando unha interrupción no achegamento que estaban a protagonizar ambos os dous Estados tras substituír Beijing os investimentos occidentais após a crise económica de 2008. De feito, desde 2009 é o maior socio comercial de Kuala Lumpur, cun aumento en 2021 de 34% até 182.000 millóns de euros.

A decisión de Mahathir arrefriou as relacións diplomáticas, recuperadas pouco despois da súa caída, mais coa parte chinesa mantendo a atención para garantir o papel malaio na denominada nova ruta da seda. “Van resultar os comicios noutro cansado drama político?”, incidía onte o South China Morning Post.

Comentarios