Máis unha vez, mestres asasinados en Oaxaca nun conflito laboral

Un protesto en Nochixtlán finaliza cunha intervención policial que deixa 6 persoas mortas e múltiples feridos. Un escenario que non é unha novidade neste estado mexicano.

mexico oaxaca

Máis unha vez en Oaxaca e máis unha vez mestres. Este territorio mexicano volveu ser escenario dun novo episodio no que a comunidade escolar (quer mestres, quer alumnos ou quer as súas familias) poñen os mortos mentres as forzas de seguridade e o Estado acumulan sospeitas. Máis de 800 efectivos da Policía Federal empregáronse a fondo para poñer fin a un protesto de mestres en Nochixtlán, onde mantiñan desde hai case unha semana cortada un acceso terrestre para denunciar a detención de varios representantes do colectivo así como as políticas privatizadoras do ensino impulsadas polo executivo. O resultado, 6 persoas mortas e perto dun cento de feridos, para alén de 21 detidas.

Testemuñas presenciais denunciaron o emprego de armas de fogo por parte dos axentes, algo que nun primeiro momento negou o Estado para ter que recoñecelo posteriormente. Tamén denunciaron o uso indiscriminado de botes de fume e diferentes medios para cargar contra os manifestantes; así como o impedimento de auxilio por parte da policía ás persoas feridas.

O CNTL (Coordenadora nacional de traballadores do Ensino, convocante dos protestos) informou que 5 dos mortos son docentes. Este sindicato ten 200.000 filiadas en México, sendo Oaxaca un dos seus bastións, con 80.000 sindicados. Alí tiveron lugar neste anos mobilizacións e greves continuaadas contra as medidas e políticas do goberno central a respecto do ensino. Esta non foi a primeira que acabou con intervención policial e manifestantes mortos. 

Comentarios