Máis impostos e novos recortes en Grecia

O Parlamento aprobou un novo pacote de medidas co que visa desbloquear o terceiro resgate. 

Tsipras e Junker_Comisión Europea
photo_camera Tsipras e Junker [Imaxe arquivo Comisión Europea]

Para gañar o visto e prace do Eurogrupo --que se reunirá esta terza feira (24 de maio)-- o Parlamento grego aprobou un novo pacote de medidas económicas co que visan recortar 118 millóns de euros e desbloquear o terceiro resgate financeiro do país. 

Subirá o IVE (24%) e os impostos sobre tabaco, gasoil e gas para calefacción

As medidas que compoñen este novo pacote fan parte do acordo aprobado por Syriza, Nova Democracia, Pasok e Potami, no mes de agosto e prevé máis un aumento do IVE, do 23% ao 24% e dos impostos especiais que gravan o tabaco, o gasoil e o gas para a calefacción, xunto coa creación dunha taxa sobre prazas hoteleiras e de casas de hospedaxe

Así mesmo, liberalízase a venda de créditos morosos a fondos de investimento ao tempo que deseña un mecanismo para a aplicación de recortes automáticos cando se incumpra o obxectivo de défice imposto pola UE (3,5% en 2018), algo que o primeiro ministro grego, Alexis Tsipras, prevé "non sexa utilizado". 

Crean un mecanismo de recortes automáticos de non se cumprir o obxectivo de défice (3,8% para 2018)

O novo pacote de medidas tamén abrangue a creación dunha entidade privatizadora na que se inserirá a actual TAIPED, ora ben, con maiores atribucións. Esta entidade terá capacidade para vender empresas públicas mais a súa dirección estará en mans da Comisión Europea e o Mecanismo Europeo de Estabilidade (MEDE). Así as cousas, Tsipras asegura que o feito de residir a sede do novo órgao en Grecia situará a súa dirección en mans do goberno heleno e mesmo asegurou que "xerará beneficios para a sociedade mentres que todo o beneficio da TAIPED" irá encamiñado á "amortización da débeda". 

Diñeiro para acredores e banca

De se aprobar a revisión do resgate Grecia recibirá novos fondos procedentes dos seus acredores cos que fará fronte á devolución da débeda. Un estudo publicado pola Escola europea de Tecnoloxía e xestión de Berlín no xornal económico 'Handelsblatt' dos 216 mil millóns de euros recibidos por Grecia nos últimos 6 anos só 9,5 mil millóns foron dar ao orzamento de Atenas. O groso foron parar ao pagamento de antigas débedas (87 mil millóns de euros), 52 mil millóns para xuros e 37,3 mil millóns para recapitalizar a banca. 

Comentarios