domingo 19/09/21

Máis evidencias da implicación de Macri no envío de armas durante o golpe en Bolivia

O actual Goberno de Arxentina sinálao como o máximo organizador.
EuropaPress_2486869_13_november_2019_bolivia_paz_supporter_of_the_former_bolivian_president
Protesta en La Paz contra o golpe, o 13 de novembro de 2019 (Foto: Gaston Brito / dpa)

A investigación avanza e cada vez hai máis evidencias que involucran o expresidente arxentino Mauricio Macri e membros do seu Goberno (conservador) co suposto envío de armas e material antidisturbio a Bolivia. Munición que acabou en poder das forzas que apoiaron o golpe de Estado de 2019 contra o entón presidente, Evo Morales

A Xendarmaría arxentina ─corpo militar de seguridade similar á Garda Civil española─ confirmou esta quinta feira que se realizara pola súa parte a entrega a axentes da Policía e integrantes da Forza Aérea Boliviana (FAB).

Mais desde o actual Goberno arxentino (progresista) do presidente Alberto Fernández apuntan máis alto. Segundo informou o xornal Página 12, na denuncia que presentará o Executivo apúntase unha maior responsabilidade do propio Macri na trama polo apoio arxentino ao golpe contra Morales. Ademais, involucra o ex xefe de Gabinete Marcos Peña, o exministro de Exteriores Jorge Faurie e o exsecretario de Asuntos Estratéxicos Fulvio Pompeo.  

"O contrabando de armas a Bolivia foi ordenado e organizado en forma directa polas máximas autoridades do Goberno Nacional, co expresidente Mauricio Macri á cabeza", sostén a denuncia do actual Executivo.

O ministro de Exteriores boliviano, Rogelio Mayta, denunciou a principios do pasado mes de xullo que o Goberno de Macri enviara ao país veciño armas que foron usadas durante as protestas de 2019. O xefe da Forza Armada de Bolivia, Jorge Gonzalo Terceros, enviara naquela altura unha carta ao embaixador de Arxentina en La Paz, Normando Álvarez, "agradecendo a colaboración".

Orde presidencial

O mes pasado abriuse a investigación interna e presentouse unha primeira denuncia. O 12 de novembro de 2019 é o día en que, contra a medianoite, despegou un avión cun continxente de once xendarmes cara a La Paz, transportando as municións que acabarían en poder da Policía e da FAB. Previamente, nese mesmo día, Macri reuniuse con Faurie na Casa Rosada, segundo a denuncia do actual Goberno. Foi entón que supostamente se daría a orde de facer esa entrega de material antidisturbios.

A munición de balas antidisturbios foi comprada pola exministra Patricia Bullrich para a Cimeira do G20 que se desenvolveu en 2018 en Bos Aires. As balas non se empregaron naquel momento e foron transferidas a Bolivia. En concreto sábese que 40.000 acabaron en poder da FAB e outras 26.900 da Policía boliviana.

comentarios