Máis dunha vintena de detencións nunha operación contra centros sociais

A policía española detivo por orde da Audiencia Nacional 26 persoas acusadas de "pertenza a organización criminal con fins terroristas" e "resistencia" á autoridade.

La Quimera
photo_camera La Quimera

A operación policial continúa aberta mais até o momento foron detidas 26 persoas en senllos despregamentos acontecidos en Madrid, Barcelona, Palencia e Granada, segundo informan os xornais El Diagonal e La Directa. 

As detidas foron vinculadas a grupos anarquistas e a Audiencia Nacional española --através do xulgado de Instrución nº6-- impútalles delitos de "pertenza a organización criminal con fins terroristas" (12 delas) e "resistencia á autoridade" (outras 14 persoas). O tribunal atribúeas á denominada Grupos Anarquistas Coordenados (GAC). 

Axentes das  Brigadas de Información de Madrid, Barcelona, Palencia e Granada desenvolveron desde as 6:00 a.m desta segunda feira (28 de marzo) seis rexistros en centros sociais okupados autoxeridos como La Quimera e 13/14 en Madrid, para alén doutros once en vivendas particulares. 

"A policía negouse a amosar ningún tipo de orde" denuncian desde o CSO La Quimera de Lavapiés

Nun comunicado emitido através do portal web de La Quimera afirman que "desde as 06:30 da mañá" o centro social "foi asediado e, após destrozar a porta, rexistrado durante horas". Asemade, acrecentan, durante o rexistro "a policía negouse a amosar ningún tipo de orde ou a dar explicación algunha do que estaba acontecendo". 

O pasado mes de decembro no marco da denominada 'Operación Pandora' foron detidas 11 persoas vinculadas con movementos anarquistas que a policía española acusou de "pertenza a organización criminal con finalidade terrorista". Estas persoas foron enviadas a prisión. Porteriormente serían postas en liberdade baixo fianza. 

Comentarios