Máis dun millón de persoas toman Santiago de Chile para protestar contra a desigualdade

Logo dunha semana de protestas, a cidadanía chilena concentrouse en torno á Praza Italia, centro neurálxico da capital, na que xa está considerada como a marcha máis grande na historia do país. 

Manifestación Chile
photo_camera [Imaxe: CC] Multitudinaria manifestación nas rúas de Santiago de Chile

Unha multitudinaria marcha tomou esta sexta-feira as rúas do centro de Santiago de Chile para protestar pola desigualdade social no país e esixir a posta en marcha de profundas reformas sociais.

Segundo cifras do goberno citadas por medios locais, máis de 1,2 millóns de persoas concentráronse arredor de Praza Italia, o centro neurálxico da capital chilena.

Convocada e seguida en redes sociais como "a marcha máis grande de Chile" tras unha semana de protestas no país, xa é considerada como a máis masiva desde o retorno da democracia.

Entre as consignas máis escoitadas estiveron “corruptos ao cárcere”, “pola dignidade do noso pobo, á rúa sen medo”, “Chile espertou” ou “o Pobo unido xamais será vencido”, xunto con aquelas que pedían a dimisión do presidente Piñera.

O propio Piñera recoñeceu que "a multitudinaria, alegre e pacífica marcha hoxe, onde os chilenos piden un Chile máis xusto e solidario, abre grandes camiños de futuro e esperanza".

Comentarios