Máis dun milleiro de persoas mortas nunha semana no Mediterráneo

Segundo unha das superviventes do último naufraxio no buque viaxaban 950 persoas. O pasado ano a cifra superou as 3.200.

Frontex
photo_camera [Imaxe Frontex]

Un cemiterio. Niso se tornou nos últimos anos o Mar Mediterráneo. Os conflitos na Siria e Libia obrigan a fuxir a millentas persoas que rematan por se embarcar en buques cuxo destino é a costa de Italia, mais tamén Grecia. No que vai de ano faleceron máis dun milleiro de persoas que se suman á morea de falecidas no 2014. 

Segundo ACNUR a cifra superaría as mil persoas só na última semana, porén, o número non é exacto. Segundo unha testemuña supervivente do naufraxio acontecido en Lampedusa este domingo o número de tripulantes do pesqueiro sinistrado elevaríase a 950, en troca das 700 relatadas durante as primeiras horas. Até o momento foron resgatadas 28 persoas con vida mais os servizos pesqueiros italianos e a Armada continúan á procura. 

A traxedia de Lampedusa --a máis numerosas dos últimos anos-- súmase ás acontecidas no Mediterráneo durante as últimas dúas décadas. Desde ACNUR cifran só no 2014 en 3.224 persoas o número de falecidas, entre elas centos de crianzas. 

Neste senso, a imprensa internacional recompilou unha cronoloxía das dúas últimas décadas que reflicte o incremento dos naufraxios e das cifras de falecidas, toda vez que o número de tripulantes en cada embarcación tamén aumenta. 

Tres naufraxios no que vai de ano

Só no que vai de 2015 foron rexistrados dous sinistros --para alén do desta fin de semana. En febreiro, cando menos 300 persoas morreron no Canal de Sicilia, 29 delas por hipotermia e as demais froito dun naufraxio cando viaxaban desde Libia. A pasada semana (13 de abril) outras 400 desapareceron fronte á costa de Libia cando se dirixían cara ao continente europeo. 

A UE propón enviar barcos de guerra á costa libia para frear o tráfico de armas e petróleo mais non defende solucións á crise humana

"De se confirmaren as cifras, nos últimos días terían morto máis de mil migrantes no Mediterráneo", sinalou a portavoz do Alto Comisionado de Nacións Unidas en Italia, Carlotta Sami. 

Esta segunda feira representantes de Exteriores dos Estados membros da UE reúnense en Luxemburgo para abordar a cuestión, xuntanza á que están convidad@s tamén responsábeis de Interior. Segundo un documento ao que tivo acceso a axencia de noticias Reuters, a proposta da xefa de diplomacia europea, Federica Mogherini, inclúe o envío de buques de guerra á costa libia mais non á fin de dar resposta á crise humana senón ao tráfico de petróleo e de armas. 

Neste senso, o documento de traballo --elaborado con anterioridade á última traxedia en Lampedusa-- mantén o posicionamento da UE polo que se rexeita a garantir unha frota de resgate europea para evitar, din, o "efecto chamada" entre a poboación e as "mafias". Un feito no que se amosou favorábel o executivo español. 

Comentarios