Máis dun cento de kurd@s irrompen no Parlamento europeo para denunciar o masacre do ISIS en Kobani

Denuncian a pasividade das autoridades europeas e comunitarias no avanzo do Estado Islámico cara ao sur de Siria.

Josu Juaristi
photo_camera [Imaxe Josu Juaristi]

Esta terza feira (7 de outubro) máis dun cento de kurd@s manifestáronse na Eurocámara para denunciar a actitude pasiva das institucións comunitarias perante a ofensiva lanzada polo ISIS no sur de Siria. No concreto, as persoas concentradas --inicialmente ás portas do Parlamento europeo-- denuncian que a Unión Europea non estea a actuar a respeito do que acontece na cidade kurda de Kobani onde o ISIS desenvolve unha operación desde o 16 de setembro. 

No que vai de ofensiva foron asasinadas máis de 400 persoas, a maior parte civís. Porén, até o momento a principal forza de resistencia que están a atopar os integrantes do Estado Islámico son @s combatentes das Unidades de Protección do Pobo Kurdo que corpo a corpo loitan por manter esta cidade estratéxica --colindante con Turquía. 

As persoas concentradas perante a Eurocámara ultrapasaron o cordón policial e conseguiron entrar nas instalacións onde exixiron reunirse con representantes do lexislativo comunitario. Eurodeputad@s do Grupo da Esquerda Europea recibíronos xunto, tamén, co propio presidente do Parlamento, Martin Schulz. 

A voceira kurda asegurou que "os gobernos belga e europeo non poden quedar cegos" fronte ás atrocidades cometidas polos integrantes do ISIS empregando, mesmo, "armas procedentes de Occidente", denunciou. 

Comentarios