Máis de 22 millóns de crianzas continúan sen acceso ás vacinas no primeiro ano de vida

Os datos da OMS monstran "grandes progresos" respecto a hai 40 anos, cando se puxo en marcha o programa que pretendía estender a inmunización do conxunto da poboación infantil. Porén, a dificultade de acceso aos fármacos en poboacións vulnerábeis dos países empobrecidos, nomeadamente Nixeria, Indonesia e India, fai que tal propósito fique aínda sen conseguir
photo_camera A vacinación salva entre 2 e 3 millóns de crianzas, di a OMS [Imaxe: Unicef]

Máis de 22 millóns de crianzas non recibiron as tres vacinas que se poñen no primeiro ano de vida. A maior parte delas habita nalgún dos países empobrecidos, nomeadamente en Nixeria, a India e Indonesia.

Os datos pertencen á Organización mundial da saúde, quen apunta os "progresos" respecto aos dous anos anteriores e destaca que o 83% da poboación infantil mundial si que tivo acceso ás vacinas recomentadas: a da difteria, o tétano e a tose ferina. É unha vacina única, coñecida como DTP, e debe administrarse aos dous, catro, seis e dezaoito meses de idade, aos catro e aos seis anos. Após esta idade, a combinación contra o tétano e a difteria renóvase cada dez anos para manter a inmunidade.

Nas novas cifras facilitadas por Nacións Unidas advírtense "grandes logros" respecto da situación existente hai 40 anos, cando a OMS estabeleceu o Programa ampliado de inmunización. Daquela as crianzas vacinadas contra estas tres enfermidades mortais representaban menos do 5% da poboación infantil mundial. O organismo achaca á falta de acceso aos fármacos por parte das poboacións vulnerábeis a causa de que aínda queden millóns de nen@s sen vacinaren.

A redución da mortandade infantil en dous terzos entre @s menores de cinco anos é o cuarto dos Obxectivos de desenvolvemento do milenio, ODM, oito propósitos que foron asinados en 2000 polos 189 países que fan parte da ONU para conqueriren entre esa data e 2015, e que procuran erradicar a pobreza, a equidade de xénero, loitaren polo acceso universal á educación ou pularen por un desenvolvemento que tome en conta o medio ambiente. Na liña, a OMS sinala que as vacinacións evitan entre 2 e 3 millóns de mortes ao ano.

Comentarios