Últimos inquéritos

Máis da metade dos EUA desbotan Clinton e Trump como presidentes

Nin Clinton, nin Trump. Unha recente sondaxe vén de revelar que o 57% das persoas que viven nos EUA rexeitan os principais candidatos a ocupar a Casa Branca. Porén, as outras dúas opcións, Gary Johnson , do Partido Libertario, e Jill Stain, do Partido Verde, carecen de probabilidades para seren elixidos presidentes.

[Imaxe: White House] Obama, na Casa Branca
photo_camera [Imaxe: White House] Obama, na Casa Branca

O 57% das e dos estadounidenses non gosta nin de Hillary Clinton nin de Donald Trump, os dous principais aspirantes á Presidencia dos EUA. Así o revela unha recente sondaxe realizada por ABC e The Washington Post na que se indica que máis de cinco de cada dez persoas non votarían nin a candidata do Partido Demócrata nin o candidato do Partido Republicano.

Poderiamos pensar que a alternativa viría dos outros dous apirantes, que son Gary Johnson, do Partido Libertario, e Jill Stain, do Partido Verde, mais ambos os dous carecen de posibilidades reais para ocupar o Despacho Oval. Aínda así, esta enquisa sinala que o 35% das persoas con dereito a voto preferiría un candidato alternativo.

A aspirante a suceder a Barack Obama gañaría os comicios co 46,9% dos apoios fronte ao 39% de Trump

Cando apenas restan tres meses para que os EUA elixan novo presidente –as eleccións terán  lugar o 8 de novembro-, a tendencia de voto recollida por HuffPost Pollster (que ten en conta as últimas enquisas publicadas) inclínase cara a Clinton. E é que a aspirante a suceder a Barack Obama gañaría os comicios co 46,9% dos apoios fronte ao 39% de Trump.

O panorama demoscópico estadounidense tamén fornece doutro dado interesante: The New York Times vén de advertir de que ningún dos principais candidatos a ocupar a Casa Branca tivo nunca porcentaxes de apoio tan negativas como as actuais desde o ano 1984.

Os mails de Hillary Clinton

A candidata demócrata, que xa viviu na Casa Branca durante a súa etapa como “primeira dama” do Goberno de Bill Clinton (1993-2001), está sumida no escándalo dos correos electrónicos. A polémica xurdiu cando os medios estadounidenses revelaron que durante os seus catro anos á fronte do Departamento de Estado, empregou unha conta persoal para as súas comunicacións cun servidor privado.

As últimas filtracións dos mails de Clinton evidenciarían a inxerencia da candidata no caso da guerra de Siria e no afortalamento do Daesh

A inicios do mes de xullo coñeceuse que os correos de Clinton incluían información clasificada. As últimas filtracións evidenciarían a inxerencia da candidata na política imperialista do Goberno Obama, nomeadamente, no caso da guerra de Siria e no afortalamento do Daesh. Precisamente, a terza feira, o FBI deu conta de case 15.000 documentos non revelados vinculados ao escándalo dos correos de Clinton.

Trump e o discurso xenófobo

Namentres Clinton trata de saír ao paso dos correos, o candidato republicano continúa coa súa cruzada contra as persoas inmigrantes. O excéntrico multimillonario vén de ratificar diante dos medios o seu plan migratorio, que prevé a expulsión de 11 millóns de persoas cuxa situación administrativa é irregular. “Temos que ser moi firmes e moi fortes coas persoas que veñen aos EUA ilegalmente”, salientou diante da prensa.

Trump chegou a propoñer crear unha forza de deportación para expulsar as persoas migrantes que viven nunha situación administrativa irregular

Cando encetou a súa carreira para ocupar o Despacho Oval, Trump propuxo a construción dun muro na fronteira con México co fin de tratar a entrada de migrantes. Aliás, prometera crear unha forza de deportación contra as persoas migrantes que viven nos EUA e carecen de documentos.

Comentarios