Máis de 78.000 vehículos saíron de Madrid no inicio da ponte do Pilar

Até 78.708 vehículos abandonaron a cidade de Madrid tan só entre as tres da tarde e as doce da noite da pasada sexta feira, inicio da ponte, e baixo o estado de alarma na capital. En concellos da Galiza onde abundan segundas residencias notouse a chegada de cidadás e cidadáns da capital do Estado. 
Atascos en Madrid ao anunciarse o estado de alarma. Moitos aproveitaron a caída do fechamento até a tarde da sexta feira para viaxar.
photo_camera Atascos en Madrid ao anunciarse o estado de alarma. Moitos aproveitaron a caída do fechamento até a tarde da sexta feira para viaxar (Imaxe: Europa Press)

No inicio da ponte do Pilar, a pasada sexta feira, até 78.708 vehículos abandonaron a cidade de Madrid tan só entre as tres da tarde e as doce da noite. Isto é 51,8% menos do rexistrado en 2015, ano en que a ponte tamén cadrara o seu inicio nunha sexta feira. Segundo a Dirección Xeral de Tráfico (DXT), daquela foran 181.210 coches os que saíran da capital do Estado. 

É dicir, da zona cero do coronavirus e co fechamento de Madrid xa restabelecido por medio do estado de alarma decretado polo Goberno español o 9 de outubro e con máis de 7.000 axentes da Policía nacional e Garda Civil despregados polo Ministerio de Interior para garantir as restricións de mobilidade, até a metade de vehículos que nun ano normal deron saído da capital.  

Ademais, antes de que o Consello de Ministras e Ministros decretase o estado de alarma -non habendo por tanto fechamento en Madrid- as saídas en vehículos descenderon moito menos respecto de hai cinco anos. Así, entre as seis da mañá e as tres da tarde do 9 de outubro os coches que abandonaron Madrid foron tan só 16,63% menos que en 2015. 

Moitos quixeron deste modo saír da capital aproveitando a caída das medidas de fechamento que provocou a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid ao tumbar o confinamento perimetral de nove concellos desa rexión. 

Ante a perspectiva de que o Goberno de Pedro Sánchez decretase o fechamento de novo na sexta feira, tal e como aconteceu, desatouse un efecto fuxida. 

Os atascos foron quilométricos na A5, cara a Estremadura, e na A4 na autovía que dá a Andalucía, e non tanto cara á Galiza. 
Con todo, veciñanza de zonas do noso país, onde cidadás e cidadáns da capital teñen segundas residencias, como Sanxenxo ou O Grove, sinalan que estes días se deu unha importante recepción de visitantes, aínda que menos que outros anos.

Tamara, veciña da zona máis turística do concello de Sanxenxo, informa que os hoteis estiveron cheos con visitantes de zonas fechadas, como Madrid e mesmo Ourense. "Non houbo tanta xente da capital española como outros anos, pero para as circunstancias en que estamos parecéronme moitas", di esta veciña, que lamenta que, a diferenza do resto dos días desta época en que se cumpren as normas, moitos visitantes non fixeron uso correcto das máscaras en zonas públicas. 

Hoteis ao completo

Fontes da Alcaldía de Sanxenxo corroboran a Nós Diario o cheo dos hoteis na ponte. "Non todos  están abertos, pero aqueles que o están, rozan case 100%", sinalan, recoñecendo que houbo "un nivel importante de visitantes". 

Esta mañá, o Concello presentará o balance da ponte, coa procedencia de cada vehículo chegado a Sanxenxo, e é que a Policía Local ten un novo sistema consistente nun escáner de matrículas, co cal non teñen que parar os vehículos para coñecer a súa procedencia.  Con todo, no Concello insisten en que non houbo "incidencias" e que se controlaron as distancias sociais e o uso de máscaras. 

Da meseta á costa

Preguntando en concreto pola constancia da chegada de visitantes de zonas confinadas como Madrid, fontes da Alcaldía asenten. "Algún chegou aproveitando ese baleiro", din en referencia á caída do fechamento de Madrid até a tarde do 9 de outubro. De feito, o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín (PP) sostivo ante os medios que si atoparon casos de residentes de Madrid que accederon a esta vila costeira na ponte. 

No Grove o 12 de outubro, de non ser pola pandemia, tería que estar abarrotado de veciñanza e turistas coa tradicional festa do marisco. "Si foi unha fin de semana forte", recoñecen veciños deste concello, "con alta ocupación de hoteis e restaurantes e notouse ben a presenza de turistas de moitas partes da Galiza, do Estado, e tamén de Madrid", din. Ademais, sinalan que  isto se notou sobre todo nas segundas residencias, nas que se volveu ver luz e xanelas abertas, debido á chegada dos seus donos, cidadáns da capital do Estado que teñen casas para o verán nesta zona, sobre todo na Toxa e San Vicente. 

Agora, quen conseguise sortear o fechamento polo estado de alarma ou saíse antes de que se decretase, ao volver á capital e sexa parado nun control na entrada da cidade, simplemente terá que argumentar que saíu antes da alarma e que retorna á súa casa ou traballo. Eis a chamada picaresca española en época de pandemia. 

Comentarios