Tres atentados veñen engrosar o ataque sufrido onte en Estambul, no que faleceron unhas 38 persoas. A milicia islámica de Al Shabaab reivindicou o atentado rexistrado no porto da cidade de Mogadiscio (Somalia), que deixou 29 persoas falecidas e outras 50 feridas. Segundo fontes policiais, un suicida que manexaba un camión cunha bomba foi o autor da acción nun dos portos máis importantes de Somalia.
Os edificios da zona sufriron graves danos e a actividade do porto viuse interrompida.
O Cairo
Doutra banda, máis de 20 persoas faleceron tamén este domingo após estourar unha bomba localizada á entrada dunha igrexa cristiá no Cairo (Exipto). O templo atopábase ateigado de fieis e o artefacto foi colocado nunha parte da igrexa que dá contra unha rúa concorrida. Polo de agora, ningún grupo reivindicou a acción.
O atentado do Cairo ocorre dous días após outro ataque cunha bomba provocara a morte de seis policía que realizaban labores de control nunha avenida que conduce ás pirámides de Guiza.
Bagdad
O ataque de Faluya (Bagdad) tivo lugar con dous coches bomba e o balanzo, polo de agora, é de oito persoas falecidas. Os atentados xa foron reivindicados polo Daesh.