Máis de 4.500 migrantes morreron en 2022, 65% na UE ou camiño a ela

Máis de 50.000 pasamentos durante a travesía desde 2014 en distintas partes do mundo, informa a OIM, advertindo de que o número real é probabelmente moito maior.
As zonas en laranxa reflicten as áreas xeográficas nas que morreron migrantes realizando a súa travesía. (Foto: OIM / Nós Diario)
photo_camera As zonas en laranxa reflicten as áreas xeográficas nas que morreron migrantes realizando a súa travesía. (Foto: OIM / Nós Diario)

Cando menos 4.584 persoas migrantes faleceron no transcurso da súa travesía en 2022, desvelan as estatísticas de onte da Organización Internacional para as Migracións (OIM), elevando até 51.726 o número de mortes desde 2014, arredor da metade intentando cruzar o mar Mediterráneo para chegar á Unión Europea. Os cadáveres de máis de 20.000 persoas nunca foron atopados.

“Cada unha destas persoas representa non só unha vida humana, senón unha familia e unha comunidade impactada por unha perda sen resolver”, incide a OIM, que alerta de que os datos reais de migrantes mortos será con moita seguridade superior ao indicado, que se corresponde ás cifras que foron quen de comprobar.

A principal causa de morte é o afogamento, porén, moitos migrantes foron asasinados, morreron en accidentes viaxando en vehículos sen condicións ou polas duras condicións ambientais, así como pola falta de acceso a atención sanitaria axeitada.

No mar Mediterráneo o número de vítimas mortais alcanzou 1.998, nun ano no que a Axencia da Garda de Fronteiras e Costas da Unión Europea (UE), Frontex, apuntou que a entrada de migrantes sen regulamentar aumentou 77% con respecto a 2021 baseada nos datos até outubro, e adianta unha suba das chegadas por mor “da interacción entre unha xeopolítica complexa, unha contorna de seguridade turbulenta e as tendencias nun mundo multipolar máis hostil”.

DW incidiu en que o bloque comunitario aínda está a debater mudanzas no sistema aplicado, cos Estados do sur -especialmente o Goberno italiano de extrema dereita- exixindo que se restrinxa o acceso ao dereito de asilo e entre críticas a Frontex pola expulsión ilegal de migrantes que xa chegaran á UE, que motivou a dimisión de Fabrice Leggeri, xefe da Axencia.

Así e todo, non se prevé unha mudanza na externalización do control de fronteiras aos países próximos, que leva a pagar a varios Estados para que freen a chegada de persoas á UE no seu territorio, como Turquía, que xa recibiu desde 2015 9.500 millóns de euros nese concepto, Marrocos, que se fixo con 846 millóns, ou Libia, financiada con 500 millóns de euros pola UE.

Mentres, xa no territorio europeo foron 147 as mortes, case 1.000 desde 2014, cun incremento das viaxes pola canle da Mancha en dirección ao Reino Unido, cuxa política migratoria prometeu endurecer o novo primeiro ministro, Rishi Sunak, co aval da Xustiza británica a que os solicitantes de asilo sexan deportados a Ruanda, unha medida semellante á que está a negociar Dinamarca.

No occidente asiático foi o ano con menos mortes de migrantes desde 2014, con 91 finados este ano e até 1.330 desde que comezaron os rexistros da OIM, nun camiño moi arriscado sobre todo no paso do Corno de África ao Iemen, que xa está no oitavo ano de guerra civil.

No resto de Asia o número de óbitos alcanzou os 455 neste ano -case 5.000 en total-, cunha alza previsíbel cando se actualicen os datos migratorios da poboación rohingya, que se lanzou ao mar de Andaman desde Myanmar e Bangladesh para saír da represión no primeiro e das condicións límite dos campos de refuxiados no segundo. Organismos internacionais alertaron de que este será o peor ano para este pobo desde 2014, cando perderon a vida máis de 700 migrantes rohingya.

En América, 1.102 migrantes faleceron, superando os 7.000 nos últimos oito anos. Máis da metade morreron tratando de cruzar a fronteira entre México e os Estados Unidos. 

Freo ao asilo nos EUA

Na madrugada da terza á cuarta feira o Tribunal Supremo estadounidense deu un novo golpe ás persoas que agardaban na fronteira, ao permitir perante as denuncias republicanas que se manteña en vigor o Título 42 até que os Estados rematen a disputa legal, este mecanismo aplicado durante o mandato de Donald Trump (2017-2021) legaliza que os Estados Unidos neguen aos migrantes a posibilidade de asilo por mor da situación sanitaria, nunha norma introducida durante a pandemia de Covid-19.

No caso de África, as estatísticas de 2022 reflicten o menor número de defuncións desde 2014, con 791, desde ese ano acumuláronse máis de 12.000, case a metade intentando cruzar o deserto do Sáhara e aproximadamente 3.000 no camiño ás illas Canarias, nun ano no que o foco estivo no valado de Melilla, coa masacre en xuño na que morreron cando menos 23 persoas.
 

Comentarios