Máis de 400 barcos agardan a cruzar a Canle de Suez tras a súa reapertura

Desencallado despois de varios intentos o 'Ever Given'
EuropaPress_3627100_29_march_2021_egypt_suez_the_ever_given_container_ship_operated_by_the
photo_camera Un remolcador escolta o navío, hoxe pola tarde (Foto: SCA)

Un total de 437 barcos están á espera de cruzar a Canle de Suez despois de que o cargueiro Ever Given fose finalmente reflotado. Pola tarde xa puido navegar pola canle, onde ficou encallado e atravesado o pasado día 23. O desencallamento chegou tras repetidas tentativas desde a madrugada da segunda feira para movelo coa axuda da preamar. 

O encallamento en diagonal do buque ao ancho de toda a canle, inaugurada en 1869 e de 190 quilómetros de lonxitude,  que comunica o Mar Vermello co Mar Mediterráneo, xerou o embotellamento dunha arteria marítima pola que transcorre 12% do comercio mundial e pola que pasan 25% dos contedores de todo o planeta. 

Tamén se estima que pola canle circulan arredor dun millón de barrís de petróleo ao día. A canle, porta de entrada para o movemento de mercancías entre Europa e Asia, recibiu máis de 19.000 barcos en 2019 ou 1.250 millóns de toneladas de carga.

Foi a Autoridade da Canle de Suez (SCA) que deu a noticia de que "resultaran exitosos os esforzos de reflotar o barco", mostrando  imaxes da nave situada en paralelo á beira da canle.

No vídeo publicado pola SCA pódese ver como o cargueiro flota nas augas da canle, mentres se escoitan as sirenas dos barcos para celebrar a fazaña despois de varios días de labores de draga e tracción.

A empresa xestora da mercancía que transporta o Ever Given, Bernhard Schulte Shipmanagement (BSM) tamén confirmou nun comunicado que a embarcación fora reflotada arredor das 15.00 horas (mesma hora que na Galiza tras o último cambio) e que tomara rumbo cara ao Gran Lago, na zona central da canle, onde segundo a SCA estaba previsto que fondease para pasar unha inspección técnica. Posteriormente, retomará a súa viaxe a Rotterdam, en Holanda.

As imaxes ofrecidas pola cadea de televisión exipcia Extra News, que estivo retransmitindo en directo a operación para reflotar o cargueiro, mostrárono escoltado por algúns dos remolcadores que participaron nos labores para desencallalo. 

Coloso

De bandeira panameña e propiedade da navieira taiwanesa Evergreen, o Ever Given conta con 400 metros de eslora ─como sete Torres de Hércules─ e 59 metros de manga. Transporta 224.000 toneladas de mercancía repartidas en 18.300 contedores, que postos en fila se estenderían por máis de 120 km. 

O buque transporta desde móbeis até peixe conxelado, e ficou encallado debido aos fortes ventos e unha tormenta de area que azoutou Exipto ese día.

Comentarios