Máis de 300.000 persoas inscritas para a manifestación independentista da Diada

Máis de mil autocarros reservados en diferentes partes de Catalunya para ir a Barcelona o 11S. O lema da mobilización convocada pola ANC, e apoiada por Òmnium, é 'Obxectivo: Independencia'.

Nos últimos días estanse a intensificar os chamamentos a superar as diferenzas no seo do independentismo para participar na Diada e garantir unha asistencia masiva á manifestación deste 11 de setembro. Xa hai máis de 300.000 persoas inscritas para tomar parte nesta mobilización, convocada pola ANC e que conta co apoio de Ómnium e a Asemblea de Concellos pola Independencia.

A mobilización terá a Praza de España de Barcelona como epicentro para desde aí dibuxar unha estrela ocupando diversas rúas e avenidas. 'Obxectivo: Independencia” é a palabra de orde elixida para este ano. Desde a organización apelouse á cidadanía catalá a encher as rúas” para situar a “independencia no centro do debate”.

Como xa é habitual nas manifestacións multitudinarias da Diada dos últimos anos, a mobilización divídese en diferentes tramos (este ano, en 26) para asegurar así unha distribución homoxénea das asistentes.

Unidade

Nos últimos meses fixéronse evidentes as diferenzas e discrepancias entre as dúas principais organizacións políticas independentistas, ERC e Junts per Catalunya. Mais a necesaria unidade de cara á Diada plasmouse nun vídeo publicado nas últimas horas e na que o expresidente Carles Puigdemont e a secretaria xeral de ERC Marta Rovira comparecían xuntos para facer un chamamento a participar na mobilización do 11 de setembro.

Na mensaxe, difundida pola ANC nas redes sociais, Puigdemont e Rovira animan as e os independentistas a máis unha vez saír á rúa. “Necesitámosnos todos mobilizados”, di o expresident, mentres que a dirixente de Esquerra afirma que “estamos aquí, con determinación e queremos gañar”.

Comentarios