Máis de 30.000 persoas maniféstanse en Bilbo en apoio do referendo catalán

Unhas trinta e dúas mil persoas segundo medios vascos participaron esta tarde en Bilbo nunha manifestación de respaldo ao pobo catalán e á celebración do referendo do próximo 1 de outubro. Destacados dirixentes de EH Bildu e do PNV acompañaron a marcha. 

Manifestación 16 de setembro de 2017 en Bilbao en apoio ao referendo 1-O
photo_camera Manifestación este sábado en Bilbo en apoio ao pobo catalán.

Convocada pola iniciativa vasca pro dereito a decidir Gure Esku Dago, e baixo os lemas Democracia" e "Votar para decidir”, a manifestación recorreu esta tarde o centro de Bilbao encabezada por membros da plataforma e líderes sociais, entre eles, Jesús Uzkudun, de CC.OO., e o ex reitor da UPV, Zelai Nikolas. Tamén acudiron representantes de EH Bildu e PNV, segundo informa Naiz

«O Estado español non é un estado democrático, non é un estado avanzado. É un estado atrasado que non está ao nivel de outros estados democráticos europeos, como está demostrando estes días coa súa actitude cara Catalunya», dixo a parlamentaria de EH Bildu, Jasone Agirre.

Itxaso Atutxa, presidenta do Bizkai Buru Batzar, declarou pola súa banda que “Catalunya é unha nación e como nación ten dereitos políticos”. Entre os representantes do PNV estiveron ademais Joseba Egíbar e José Antonio Suso, presidentes do partido en Gipuzkoa e Araba; mentres que por parte de EH Bildu tamén participou na marcha Arnaldo Otegi.