Máis de 2.500 civís armenios evacuados por bombardeos de Acerbaixán

Acusan Acerbaixán de lanzar ataques.
Un miliciano ante as ruínas dunha casa en territorio armenio. (Foto: Celestino Arce Lavin / ZUMA Wire / DPA)
photo_camera Un miliciano ante as ruínas dunha casa en territorio armenio. (Foto: Celestino Arce Lavin / ZUMA Wire / DPA)

O Defensor do Pobo de Armenia informou onte de que xa son máis de 2.500 os civís que foron evacuados no leste e o sur do país ante os últimos enfrontamentos con Acerbaixán na fronteira, que se saldaron con perto dun cento de militares mortos.

"Polo menos 2.570 persoas foron evacuadas das súas vivendas nas zonas de Sotk, Norabak, Kut, Azat, Airk, Tretuk, Tutakavan e Gegharkunik, no leste, así como en Chakaten, Shikahogh, Srashen, Ajitu e Akner, entre outros", indicou nun informe no cal matizou que a maioría de evacuados son mulleres, nenos e anciáns.

O texto acusa ademais o Goberno e os medios de comunicación de Aceribaxán de incorrer en actos de "armenofobia", algo que tachou de "perigoso dada a experiencia do país no pasado e o alto perigo de que o Exército de Acerbaixán leve a cabo crimes de guerra".

Así mesmo, o presidente do Parlamento armenio, Alen Simonyán, sinalou que catro civís resultaron feridos por mor dos bombardeos por parte das forzas de Acerbaixán, segundo informacións da axencia de noticias Armenpress.

"As Forzas Armadas de Acerbaixán están a realizar ataques con drons e morteiros. Hai feridas no lado armenio, mesmo entre a poboación civil. Tamén se produciron graves perdas de material militar", aseverou Simonyán. As autoridades de Armenia denunciaron, ademais, que se rexistraron ataques contra varias ambulancias.

Acerbaixán acusado de atacar vehículos rusos

O Ministerio de Defensa de Armenia acusou tamén onte as tropas de Acerbaixán de atacar varios vehículos da garda fronteiriza rusa en territorio armenio.

"Ás 15 horas, a situación na fronteira entre Armenia e Acerbaixán é moi tensa. A Forza Armada de Acerbaixán levou a cabo ataques contra vehículos do Servizo Federal de Seguridade (FSB) de Rusia, que se atopaban realizando unha misión humanitaria na zona de combate", aseverou o portavoz do Ministerio, Aram Torosyán, nun comunicado.

Así mesmo, alertou de que se produciron ataques contra asentamentos pacíficos en solo armenio e indicou que, para iso, "utilizaron drons". Con todo, asegurou que as forzas armenias están "a tomar medidas para responder pertinentemente ante o inimigo".

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios