Máis de 20 estados piden respecto a Venezuela e un senador dos EUA demanda que se invada o país

Brasil, Uruguai, Ecuador ou Arxentina, entre outros, lembran a lexitimidade do goberno venezuelano e critican a vaga de violencia para ''desestabilizar a democracia". Desde Estados Unidos, o senador McCain (ex-candidato republicano) pediu a Obama que mandase ''tropas de inmediato'' a Venezuela para ''garantir o fluxo de petróleo''.

venezuela

Máis de 20 países e 150 organismos, entidades e organizacións internacionais enviaron apoio ao goberno venezuelano nestes días, segundo afirma o Palacio de Miraflores, sé da presidencia venezuelana. De Mercosul e Unasul a Brasil, Arxentina, Ecuador, Uruguai, Paraguai, Bolivia... “fixeron unha demostración de solidariedade”, en palabras do executivo bolivariano. Son mensaxes, a dicer do correspondente da BBC, nos que se pide que se respecte a Venezuela, critícanse “as tentativas de desestabilizar a orde democrática” e apélase ao diálogo.

A oposición recibiu o apoio de artistas como Alejandro Sanz, Shakira ou Carlos Baute

Estes apoios a Venezuela chegan na vaga de “asonada contra-revolucionaria” (en palabras d@s bolivarian@s) ou de “protestos contra a ditadura” (di a oposición) que percorren Caracas. Nesta terza feira, e nun acto non exento de publicidade, o opositor Leopoldo López decidiu entregarse ás autoridades no meio dunha masiva manifestación de opositores. López tería responsabilidade, segundo o goberno, á hora de incitar a usar a violencia e chamar “á sedición”.

O goberno de EUA dise “preocupado” pola actuación de Maduro

O senador republicano por Arizona, o populista John McCain, declarou nunha entrevista na canle NBC que Estados Unidos debía de inmediato enviar tropas a Venezuela para, textualmente, “outorgar a paz e sobre todo garantir e protexer o fluxo de petróleo para EUA”. McCain (ex-candidato do partido Republicano nas eleccións de 2008) pide a Obama que “mova” a frota militar norteamericana na rexión e que comece contactos cos aliados (Colombia, Perú) de cara a unha intervención.

Mais moderado nas formas, o secretario de Estado John Kerry dixo que EUA “está profundamente preocupado” polo que acontece en Venezuela, se ben descarga no goberno bolivariano toda a responsabilidade. Así, dixo estar “alarmado” polos arrestos e detencións de manifestantes da oposición.

“Paremos o fascismo. Non pasarán!”

Esta terza feira ducias de milleiros de persoas percorreron Caracas nunha multitudinaria manifestación na que se chamaba a defender a revolución bolivariana e a se opor ao que se denominaba “tentativa de golpe de estado da dereita fascista”.

Manifestantes denunciaban, segundo recolle a RT, a presenza constante nestes días de “pequenos grupos armados” que espallan a violencia e o caos tentando “desestabilizar” Venezuela e derrocar o goberno. “Non pasarán!” foi unha das palabras de orde, presentes en faixas e cánticos.

Comentarios