Máis de 20.000 persoas marchan en Edimburgo pola independencia

A maré pola independencia non se detén. Alén do que digan os inquéritos, as rúas son do movimento independentista. Hoxe, máis de 20.000 persoas marcharon en Edimburgo para patentizar que queren unha Escocia libre no mundo.

rally scotland
photo_camera rally scotland

Se xulgamos polas cifras de participación neste rally pola independencia (#indyRally en twitter), hoxe a causa independentista é o duplo de forte que hai un ano. En 2012, Edimburgo acolleu unha marcha con 10.000 persoas. Hoxe, no mínimo manifestáronese 20.000. Mesmo algunhas voces especialmente entusiastas falaron de 30 mil.

A un ano da celebración do referendo -axendado para o 18 de Setembro de 2014- o movimento nacionalista escocés vive en estado de euforia. Con independencia de gañar ou non dentro dun ano, a interpretación que fan as e os independentistas é que o principal trunfo, a conquista do direito a votar, xa está conseguido.

"O estado de euforia aquí é total e absoluto. Isto é unha auténtica pasada", declara Pilar Fernández, colaboradora de Sermos Galiza, presente no Rally

A maré humana, após facer un percorrido que deu comezo en High Street, findou por confluír en Calton Hill, un outeiro de Edimburgo que no seu día foi declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

 

"O estado de euforia aquí é total e absoluto. Isto é unha auténtica pasada", declarou Pilar Fernández, colaboradora de Sermos Galiza, que presenciou o rally ao vivo. "Hai moita presenza internacionalista, bandeiras de moitas nacións sen Estado, entre elas, por suposto, bandeiras da Patria [galegas coa estrela vermella]", dixo.

En Calton Hill tomou a palabra, como principal estrela do acto, o líder do Scottish National Party e primeiro ministro escocés, Alex Salmond.

"O referendo", dixo, "é unha oportunidade única para conseguir unha cousa que ningunha xeración previa de escoceses puido facer, algo que está ao alcance de moi poucos países"-

Por que hai que estar por unha Escocia independente? A esta pergunta respondeu Salmond nestes termos: porque a maioría da populación escocesa quer ter o poder para decidir "sobre os recursos naturais, o Estado do benestar ou as pensións". "Este pode, o poder da xente, só se pode conquistar votando si", defendeu.

E en que se basea a campaña do NON? Para Salmond, os unionistas alicerzan o seu discurso no que deu en chamar "o sistema de Westminster", algo que "non representa nin a opinión escocesa nin as arelas de Escocia".

Falou ainda Blair Jenkins, o portavoz da campaña Yes Scotland. Dixo que cando as cidadás e os cidadáns se deteñan a "examinar os feitos" findarán por votar a prol da independencia. "Pensionistas, pais, estudantes, homes de negocios, mulleres, xente de toda a sociedade hanse de decatar de que un voto polo "si" ten sentido para nós como nación e como individuos", afirmou.

Comentarios