Máis de 100 días de protestas no agro da India

O campesiñado dese país considera que as leis deixan en mans das grandes empresas o seu futuro polo que danarán a vida de millóns de persoas.

Protestas do campesiñado na India (Harinder Kaur)
photo_camera Protestas do campesiñado na India (Harinder Kaur)

As protestas de traballadoras e traballadores do agro na India continúan. Segundo o colectivo da Fronte da Unidade Campesiña (Kisan Ekta Morcha) de India os tres puntos de entrada á capital do país permanecen ocupados por milleiros de agricultoras e agricultores de distintas rexións dese país.

A súa demanda é a derrogación inmediata de tres leis agrarias que consideran lesivas para o seu desenvolvemento.

A través das redes sociais afirman que após eses 100 días continúan "para desafiar a súa loita con intensa fereza e coraxe”. Aseguran que están listos para protestar “os días e meses” que fagan falta “até que se derroguen as leis".

O colectivo agrario indicou que as e os manifestantes se  congregaron na autoestrada KMP, ao oeste da capital, impedindo o tránsito na zona, mentres levan bandeiras negras "como sinal de apoio ao movemento en curso contra o Goberno indio".

Como parte das manifestacións, as entradas a Nova Deli nas localidades de Singhu, Tikri e Ghazipur están ocupadas por milleiros de agricultores que se achegaron principalmente dos veciños estados de Punxab, Haryana e Uttar  Pradesh. Nas vías de acceso instaláronse con tractores, camións e tendas de campaña.

Sen acordo entre Goberno e agricultores

As e os agricultores protestan desde novembro de 2020 contra tres leis aprobadas polo Parlamento en setembro do ano pasado, pois consideran que os seus postulados debilitan o mecanismo de compra dos seus produtos por parte do Estado, quedando en mans das grandes empresas e danando os medios de vida de millóns de persoas.

Malia varias roldas de conversacións entre o Goberno e os sindicatos de agricultores, ambas as partes non lograron concretar un acordo, chegando a momentos de moita tensión como enfrontamentos coa Policía durante unha marcha de tractores o Día da República o pasado 26 de xaneiro, que deixou un morto e centos de feridos.

Comentarios