Máis de 1.400 menores mort@s por armas de fogo en EUA no que vai de ano

A matanza de Charleston reabre, por enésima vez e como sempre após un suceso deste tipo, o debate sobre posesión de armas en Estados Unidos. Unha ampla maioría dos cidadáns é contraria a restrinxir a posesión nun país onde hai perto de 300 millóns de armas en mans privadas.

armas-estados-unidos
photo_camera Unha tenda de armas en EUA.

O informe do Arquivo da Violencia por arma de fogo de Estados Unidos estarrecen: no que vai do presente 2015, morreron por armas de fogo un total de 5.890 persoas, das cales 1.433 eran crianzas e moz@s, segundo os dados que ofrecen na súa web. Iso vén sendo 9 nen@s e adolescentes mort@s por armas de fogo cada día, unha cifra dificilmente dixeríbel por moito que a posesión de armas estea amparada pola segunda emenda da Constitución de 1787. No que atinxe a ferid@s por disparos, nestes meses rexistráronse máis de 23.000 persoas feridas.

No que vai de ano morreron por disparos 314 menores de 11 anos, unha media de 2 cada día. Entre 12 e 17 anos, morreron por arma de fogo nestes meses 1.119 moz@s. 

A recente matanza de Charleston, onde un mozo supremacista branco -Dylann Roof, de 21 anos- asasinou a sangue frío a 9 afro-americanos nunha igrexa desta localidade de Carolina do Sur; reabre máis unha vez o debate en EUA sobre a posesión de armas. Emerxen de novo as voces, como as do presidente Obama, partidarias de limitar este dereito. Mais o verbo é ese, limitar, nunha prohibir. Unha maioría da poboación estado-unidense, segundo enquisas e sondaxes, son partidarias de introducir restricións na compra e posesión de armas. Mais unha maioría máis ampla é a favor de manter o dereito, rexeitando frontalmente prohibilo.

Son 38 dos 50 estados de EUA os que permiten aos cidadáns portar armas. Estados Unidos é o país con maior número de armas en mans privadas: entre os seus 316 millóns de habitantes hai uns 60 millóns que acumulan por volta de 250 millóns de armas. A NRA (Asociación Nacional do Rifle) ten máis de catro millóns de afiliad@s, sendo o principal alicerce na defensa a ter e levar armas. 

Comentarios