sábado 28/11/20

Unha maioría da cidadanía neozelandesa di si a legalizar a eutanasia

Os resultados iniciais do referendo para legalizar a eutanasia en Nova Zelanda, dados a coñecer onte, devolveron 65,2% de papeletas a favor. A norma dá cobertura a persoas que sofren unha enfermidade terminal, cun deterioro da súa capacidade física, e tras a aprobación de dous profesionais da medicina. 
O 17 de outubro tiveron lugar os comicios e mais a participación nos referendums arredor da legalización da eutanasia e do cannabis en Nova Zelanda (Imaxe: Europa Press).
O 17 de outubro tiveron lugar os comicios e mais a participación nos referendums arredor da legalización da eutanasia e do cannabis en Nova Zelanda (Imaxe: Europa Press).

O 17 de outubro, de maneira paralela aos comicios estatais, a cidadanía neozelandesa foi chamada a participar en dous referendos, un sobre a legalización da eutanasia e outro sobre a do cánnabis. O segundo non sairá adiante, pero si o primeiro. Onte, o reconto concluíu cun 65,2% das papeletas a favor da Lei de elección ao final da vida, rexeitada por 33,8% dos votantes. A norma foi aprobada no Parlamento en 2019 e entrará en vigor en novembro de 2021.

Os resultados non inclúen os 480.000 votos chegados desde o estranxeiro, que se incorporarán e comunicarán o 6 de novembro. A vista das primeiras cifras, non semella que vaian mudar o rumbo da votación, xa anticipado polas enquisas. O xornal británico The Guardian destacou que as sondaxes sobre a legalización da eutanasia recolleron entre 60% e 70% de opinións favorábeis nos pasados anos e de maneira transversal no espectro político do país.

Criterios da norma

A Lei de elección ao final da vida inclúe unha serie de requisitos para que se poida solicitar a morte asistida. Segundo detalla a BBC, dá cobertura a neozelandeses e neozelandesas maiores de idade que sufran unha enfermidade terminal, que amosen en consecuencia un deterioro significativo na súa capacidade física, que sufran unha dor insoportábel e persistente, e que estean nas condicións para tomar unha decisión informada.

A norma engade que unha persoa non pode ser elixíbel para a morte asistida unicamente pola súa idade avanzada, por unha enfermidade mental ou por algún tipo de discapacidade. Dous médicos, un deles independente, decidirán se apoiar a petición. En caso de que algún dubide, solicitarase a avaliación dun psiquiatra. 

Voces a favor e en contra

Cidadáns en contra da aprobación da lei, entre eles os agrupados no colectivo Eutanasia-Free NZ (Nova Zelanda libre de eutanasia) aseguraron, cando o Parlamento deu luz verde ao seu articulado, que daría pé a contradicións coas campañas de prevención do suicidio. Outros expresaron a súa preocupación porque persoas cunha doenza crónica decidisen solicitar a morte asistida ao sentírense unha carga para as súas familias. Onte, despois de que se coñecesen os resultados do referendo a asociación declarou nun comunicado a súa decepción.

En troques, o activista Matt Vickers compartiu a súa satisfacción. "Síntome aliviado e síntome agradecido porque os neozelandeses fosen o suficientemente comprensivos para aprobar esta lei, dando aos enfermos terminais voz sobre como queren morrer", declarou. Vickers é o viúvo da avogada Lecretia Seales, que faleceu en 2015 por mor dun tumor cerebral despois de situarse á fronte da loita a favor da eutanasia.

Tamén o deputado David Seymour, do partido ACT (Asociación de Consumidores e Contribuíntes), quen fixo campaña no referendo solicitando a legalización da morte asistida. "Penso que é hora de que Nova Zelanda evolucione cara a unha sociedade máis compasiva e tolerante", valorou en declaracións a The Guardian. A propia primeira ministra neozelandesa, a laborista, Jacinda Ardern, ou a líder da oposición e integrante do Partido Nacionalista, Judith Collins, optaron tamén pola papeleta do si. 

Sexto estado

Outros cinco estados do mundo optaron por legalizar a eutanasia: Bélxica, Holanda, Luxemburgo, Canadá e Colombia. En abril de 2002, Holanda converteuse no primeiro país en aprobala, dando cobertura a persoas enfermas cunha dor insoportábel e irreversíbel e previa aprobación de dous médicos. Bélxica ampliouna a todas as idades, consentimento familiar mediante no caso de menores, e incluíu casos de sufrimento psíquico irremediábel.

En tanto, Suíza admite o suicidio asistido. Neste caso, facilítaselle á persoa o acceso aos fármacos letais sen requirir a intervención directa de profesionais da medicina. En Estados Unidos, Washington, Oregón ou Vermont tamén o contemplan. A maiores, Alemaña ou Austria admiten a eutanasia pasiva, a suspensión dun tratamento médico que provoca a morte do paciente previa petición súa. No estado español, axudar a morrer está tipificado como un delito

comentarios