Unha maior autonomía para as arredistas Grenlandia e Feroe

Dinamarca concédelles máis poderes en seguridade e defensa.
an-aerial-view-of-buildings-and-storage-tanks-at-thule-air-base-cd50d9-1600
photo_camera Imaxe aérea de parte da base militar que EUA ten en Grenlandia (Foto: Dominio Público)

O Goberno danés aprobou conceder a Grenlandia e ás Illas Feroe unha maior autonomía á hora de negociar as súas propias decisións en seguridade e defensa a través dun incremento do seu papel no foro intergobernamental do Consello Ártico.

Así, prevese a formación dun grupo de contacto con ministros e representantes para que ambos os territorios teñan unha maior "marxe de manobra" en calquera negociación nestes eidos, segundo explicou a primeira ministra de Dinamarca, Mette Fredericksen, tras un encontro cos líderes de Grenlandia e as Feroe, Mute B. Egede e Bardur Nielsen.

A mandataria planea ademais transformar a estrutura do Consello, o foro de cooperación máis importante das rexións circundantes ao Polo Norte, ao conceder a Groenlandia a potestade de falar e votar en nome da chamada Comunidade Imperial, a mancomunidade que forman Dinamarca e estas dúas rexións.

O soberanismo ten un gran pulo nos dous territorios, semiautónomos mais que reciben unha importante axuda económica de Copenhague.

Ademais, Grenlandia aumentou en prominencia. Os efectos do quecemento global abriron novas rutas comerciais, que agora atravesan lugares previamente inaccesíbeis polas baixas temperaturas do Ártico, e permiten reducir tempos de viaxe.

China vs. EUA

É ademais ─antes e agora─ un lugar de importancia xeoestratéxica. Washington leva anos tentando conter os esforzos da China para investir en Grenlandia. De feito, o Pentágono logrou  impedir con éxito o ano pasado que Beijing financiase a construción de tres aeroportos na illa. 

China xa asinou acordos para a extracción de minerais con Grenlandia, mentres que Estados Unidos ─que conta cunha base militar chave durante a Guerra Fría e para o seu sistema de radar─ ofreceu as autoridades da illa axudas millonarias. 

En marzo deste ano, a alianza de intelixencia que integran Australia, Canadá, Estados Unidos, Nova Zelandia e Reino Unido coñecida como Five Eyes ("Cinco Ollos) acordou centrar os seus esforzos en Grenlandia con fin de reducir a dependencia destes países da China para a subministración de certos minerais.

En 2019, o entón presidente dos EUA, Donald Trump, barallou a posibilidade de comprar Grenlandia, como fixera en 1946 o seu predecesor Harry Truman.

Comentarios